Agustín Fernández Paz foi un crac da nosa literatura. Gosto moito del e é o autor do que máis obras lin (xunto con Manuel María). Polo que lamentei moito o seu pasamento en xullo do ano pasado. Naceu en Vilalba en 1947 e, ademais de escritor, especializado na literatura xuvenil, foi pedagogo e docente. Coas súas obras obtivo numerosos premios. O seu pai era músico e carpinteiro e el marchou con 14 anos a estudar como interno na Universidade Laboral de Xixón, onde se titulou como Perito Industrial. Con 22 anos foi traballar a Barcelona, regresando tres anos despois a Galicia, residindo na Coruña e matriculándose en Maxisterio. En 1974 comezou a exercer como mestre, participando activamente nos movementos de renovación pedagóxica, que pretendían cambear a sociedade desde as aulas, sendo membro fundador da Nova Escola Galega. Estudou Ciencias da Educación e foi profesor de lingua galega en ensino primario e secundario. Casou con Inmaculada Reino e tiveron unha filla. Realizou numerosos traballos sobre a normalización lingüística no ensino, a didáctica da lingua, a promoción da lectura, a literatura infantil e a introdución dos medios de comunicación nas aulas. Entre 1988 e 1990 traballou para a Consellería de Educación como asesor para a reforma educativa na área de lingua. Entre 1990 e 1995 foi Coordinador Docente de Galego, elaborando libros de texto. Foi tamén membro do grupo de traballo sobre lingua do Consello da Cultura Galega. Porén todo isto non lle impediría rexeitar en 2010 o premio da Cultura Galega, con dotación económica, por discrepar profundamente coa política lingüística da Xunta de Galicia, hostil ao galego.
Coa introdución do galego nas aulas, tras a Constitución do 78, e como a literatura infantil e xuvenil en galego era escasa, animouse -xunto con outra xente da “Xeración Lamote”- a escribir as súas propias obras neste eido. Coordinou tamén para a editorial Xerais a coleción “Merlín” de literatura infantil e xuvenil. Prexubilouse por enfermidade en 2007 e morreu no seu domicilio de Vigo no 2016, sendo o seu féretro arroupado pola bandeira galega e enterrado en Vilalba, a súa vila natal. Deixounos unhas cincuenta obras, sendo o autor galego máis traducido (a 16 linguas diferentes). A súa novela Cartas de inverno leva máis de 100.000 exemplares vendidos. Tamén de medo son Aire negro e A neve interminable. Non así, O centro do labirinto, Amor dos quince anos, Marilyn ou As flores radiactivas (co que gaña en 1989 o Premio Merlín de Literatura). Co seu libro de relatos, O único que queda é o amor, gañou o Premio Nacional deLiteratura Infantil e Xuvenil e o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega no mesmo eido de 2008. Porén a min aínda me gustan máis as súas obras non tan xuvenís, como Non hai noite tan longa (2011) e A viaxe de Gagarin (2014), Premio da AELG -entre outros- á mellor obra narrativa de 2014. Aínda despois de morto, Agustín Fernández Paz é ben capaz de facer contigo o que a primavera fai coas cerdeiras.