O Porriño | O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado pola concelleira de Industria, Rosario Costas, visitou esta mañá o Centro Tecnolóxico AIMEN co obxectivo de coñecer as capacidades tecnolóxicas e proxectos máis destacados que está a desenvolver o centro na actualidade.
Ambos mantiveron unha reunión co presidente de AIMEN, Antonio Casal; o director xeral do Centro, Jesús Lago; e outros membros do equipo directivo, quenes explicaron o traballo que veñen desenvolvendo como centro tecnolóxico de referencia no ámbito da fabricación avanzada e fábrica intelixente.
A continuación, percorreron as instalacións da Planta de Tecnoloxías de Unión e a Planta de Tecnoloxías Láser, onde se puido coñecer o equipamento vanguardista do que dispón o Centro para favorecer a innovación e proporcionar á industria galega servizos de alto valor engadido.
O presidente de AIMEN, Antonio Casal, agradeceu a visita e puxo en valor a importancia da colaboración entre centros e administracións para seguir innovando e reforzar a transferencia de tecnoloxía e coñecemento ao tecido empresarial.
Pola súa parte, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de contar no municipio cun centro tecnolóxico referente en I+D+i a nivel nacional e internacional e reiterou a disposición do Concello do Porriño a colaborar no necesario para que AIMEN siga contribuíndo á mellora tecnolóxica das principais empresas galegas e tamén co desenvolvemento económico do Porriño.
Sobre AIMEN
AIMEN Centro Tecnolóxico, con máis de 50 anos ao servizo da innovación e a industria, é na actualidade un referente nacional en I+D+i e prestación de servizos tecnolóxicos no ámbito dos materiais e as tecnoloxías de fabricación avanzada.
AIMEN conta cunha importancia presencia a nivel europeo e internacional na liña de investigación de materiais avanzados, colaborando con países como Alemania, Francia, Italia, Reino Unido, Finlandia e Suecia.
As súas innovacións neste campo céntranse principalmente no desenvolvemento e na caracterización de materiais intelixentes e de alto rendemento e solución multimaterial, co obxectivo último de obter materiais máis lixeiros, resistentes, multifuncionais, sostibles e capaces de superar as especificacións mecánicas e funcionáis requeridas.