…Hoxe as campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa litúrxica no interior da Catedral…hoxe as campás de Compostela…anuncian unha festa étnica…”
Afonso Rgz. Castelao “Alba de Gloria”
A chamada “Ofrenda Nacional (sic) al Apóstol Santiago” con constituir tamén un acto nidiamente litúrxico, é dicir confesional, non xurdiu dunha iniciativa da Igrexa compostelá nin das peregrinacións da Europa toda.
Tampouco ten as súas raigames naqueles reis de Galicia (Afonso VII, Fernando II e Afonso VIII) que fixeron a Catedral o seu Pórtico da Gloria nin nace dos Camiños Xacobeos. Non. Nace dunha decisión adoptada no 1643 pola Monarquía castelá-hispánica, no tempo de El Rei Filipe IV de Habsburg, que enfrontaba unha dupla guerra da independencia contra o Principat catalá e o reino de Portugal, xeradas pola política centralizadora e procastelá do seu valido o conde-duque de Olivares.
A devandita Ofrenda constitúe, pois, a expresión dunha asunción pola Monarquía castelá do referente do Santiago guerreiro para xustificar unha política militarizada moi concreta e, dende logo, allea á prosperidade e intereses de Galicia e á potenciación do Apóstolo como referente de paz e e de convivencia europea.
“A devandita Ofrenda constitúe, pois, a expresión dunha asunción pola Monarquía castelá do referente do Santiago guerreiro para xustificar unha política militarizada”
Neste contexto (maximizado polo xorne claramente partidista da tripla ofrenda do actual rei Filipe VI nos anos 2020, 2021 e 2022), que a alcaldesa da capital de Galicia concorrese a un acto litúrxico desta caste signficaba non só rachar a neutralidade do Estado aconfesional senón mesmo validar implícitamente o sentido restauracionista dun acto que reflicte un nacional-catolicismo claramente oposto á plurinacionalidade do Estado e ao recoñecemento nacional da Galicia que construiu Compostela e a súa Catedral.
Mais o principal acerto da alcaldesa foi trascender desta institucionalidade neutral para deseñar unha Festa (moito máis cívica ca étnica) de Santiago para Santiago. Unha Alba de Compostela que reivindicase atender á propia cidade dende á propia cidade, no contexto dunha sociedade civil moderna, vizosa, solidaria e que olla ao futuro, recoñecéndose esencialmente como capital do País do que xurdiu e que a fixo como é: a Compostela de Galicia.
“Mais o principal acerto da alcaldesa foi trascender desta institucionalidade neutral para deseñar unha Festa (moito máis cívica ca étnica) de Santiago para Santiago”
Unha sociedade civil que fai cidade dende os barrios, deporte, patrimonio cultural e desenvolvemento de actividades económicas e profesionais, cun meirande protagonismo feminino e no que a propia Igrexa compostelá (dirixida por un novo arcebispo que semella coñecer mellor ca os anteriores o País, a sociedade e máis os tempos) ha ter o seu lugar sobranceiro. Desta volta a cidadanía, malia o balbordo xerado polo PP, PSdeG e algún voceiro mediático, semella que conectou coa mensaxe da súa alcaldesa, alicerzado no respecto, no pluralismo, no sentido cívico de cidade e na galeguidade.