O 25 de xullo de 1948, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao pronunciou en Buenos Aires un dos grandes discursos da cultura galega: Alba de Gloria, lembrado e reproducido centos de veces, mais que non perde actualidade. Poucos textos tan brillantes, tan vivos, tan conmovedores e tan intelixentes coma o do artista e político galeguista no exilio, malia os setenta e seis anos transcorridos dende entón.
Brillante polas imaxes que evoca, seica inicialmente inspiradas por un texto anterior do seu compañeiro e íntimo amigo Ramón Otero Pedrayo. Se no abrente deste día… Vivo pola actualidade do discurso, pola capacidade de integrar espazos temporais e personaxes tan diversos, mais todos altamente significativos na construción da identidade de Galicia.
Conmovedor porque, ollado dende a distancia temporal e dende o contexto no que se pronuncia, cos emigrantes e exiliados reunidos no Teatro Argentino da capital porteña, recentes aínda as feridas da guerra, non é difícil imaxinar a emoción dos asistentes, emoción que máis de sete décadas despois chega aos nosos días.
“A sensación que deixa en nós o discurso é de ilusión e de esperanza, algo que salientar nestes tempos de inseguridades e incertezas”
Intelixente porque a peza consegue reunir e apertar nun vencello común personalidades ideoloxicamente moi distintas, momentos históricos que, no seu conxunto, arman un feixe poderoso de referencias coa paisaxe detrás, que é unha paisaxe de festa, non de lamentacións, e sobre todo esa eclosión de luciñas a arder no ceo da alborada, que representan a memoria do pobo que está detrás. Memoria viva. Alento de futuro.
A sensación que deixa en nós o discurso é de ilusión e de esperanza, algo que salientar nestes tempos de inseguridades e incertezas, mais nos que, non obstante, temos tantas cartas para xogar. O futuro constrúese con esforzo e afouteza. A depresión é reaccionaria, non nos leva a ningures, di Castelao. Do laio ou do resentimento pouco podemos agardar. Ao contrario: todos os vimbios son necesarios para facer o cesto.
Lembremos aquela outra proposta que nos facía no álbum Nós (1916-1918): Non lle poñades chatas á obra namentres non se remata (…); hai sitio para todos. Esta capacidade para convocar e unir vontades, aínda que semellen distantes, sempre por riba de exclusións e sectarismos, explica en gran parte o éxito político do autor, a forza do seu discurso, que segue vivo, por riba do tempo.