A Guarda | Roberto Carrero, alcalde da Guarda, cualificou de “calamitosa situación económica herdada no Concello”, afirmando que non teñen para pagar a provedores e que, polo tanto, as empresas e autónomos que veñan cobrar as súas facturas teralles que comunicar que “ata o ano 2024 non van cobrar”.
Óscar Alonso, concelleiro de Economía, explicou que “o Concello da Guarda debe nestes momentos, máis de 600.000 euros en facturas porque non temos crédito para pagar. O anterior equipo de goberno do PSOE dilapidou o diñeiro que tiñamos aforrado nas arcas municipais para todo o ano 2023 antes de deixar o goberno”.
Continuou que “en decembro de 2021, tiñamos aforrado 2.000.000 euros; en decembro de 2022 quedaban 700.000 euros; e o 17 de xuño de 2023, cando entramos a gobernar, o saldo era xa negativo -132.318,68 euros, con facturas sen pagar desde abril e sen diñeiro para abonar as facturas do últimos seis meses do ano. Para poder pagar necesitamos non só un novo orzamento, no que estamos a traballar para sacalo antes de fin de ano, senón que debemos aumentar ingresos e a subida do IBI é unha medida que non nos gustou tomar, pero adoptouse por esta situación. Ou aumentamos recadación municipal, ou non podemos prestar servizos, facer obras, conceder subvencións como nos solicitan asociacións ou clubs, etc.”
Carrero é contundente e asegura que “o PSOE se ‘puíu’ o diñeiro que tiñamos aforrado os guardeses no Concello”.