A Guarda | O Alcalde da Guarda, a tenente de alcalde e o Concelleiro de Vías e Obras revisaron a pé de praia os diferentes danos ocasionados polo último temporal que azoutou o litoral na desembocadura do Río Miño.
Na pasada noite o litoral da Praia do Muíño perdeu preto dun metro de altura de area na súa extensión por mor dos fenómenos meteorolóxicos adversos, que sumados aos ventos do sur e ás mareas vivas, ocasionaron ademais, a perda duns 30 metros da pasarela de madeira que une a zona do Puntal coa Praia do Muíño, que quedaron espallados pola praia ata a máis de 500m de distancia.
Tamén quedaron ao descuberto as tubaxes das augas pluviais, e operarios municipais procederon a retirar a pasarela de acceso directo á praia ante a falta de estabilidade da mesma.
“É evidente que a perda de area do litoral da Guarda afecta ao ecosistema dunar e milleiros de metros cúbicos das nosas praias desapareceron” indicou o edil Antonio Lomba mentres revisaba esta mañá os desperfectos na Praia do Muíño.
A situación é limite, e o Alcalde da Guarda urxe ás diferentes administracións con competencias sobre este espazo natural a tomar medidas de xeito inmediato.
Os danos se estenden ata a zona do Codesal, onde a zona xa afectada previamente pola perda de area no lugar coñecido coma “A Noria”, continúa tamén a deteriorarse, afectando ao sendeiro que transcorre pola PR-G 160 Ruta da Desembocadura do Río Miño.
Montserrat Magallanes indicou que “é o momento de actuar se non queremos perder as nosas praias e o seu importante entorno natural, un dos maiores atractivos turísticos da comarca”.
En xullo de 2018 chegou ao concello da Guarda o esperado informe do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX), onde o concello defendeu que a mellor proposta que se axusta aos seus intereses é a alternativa 5, que propón a construción dun dique-espigón de “escollera” a baixa cota e lonxitude a determinar como continuación dos baixos entre as praias do Muíño e A Lamiña, cara ao este.
Segundo o informe do CEDEX, xa en 1979 o Plan Indicativo de Usos do Dominio Público do Litoral propuña a construción de catro espigóns e o vertido de áridos neste espazo, unha actuación que nunca se levou a cabo.