Bueu | O alcalde de Bueu, Félix Juncal, visitou as obras de rehabilitación do Estaleiro da Banda do Río, máis coñecido como Purro, para ver o estado dos piares de madeira da estrutura e analizar os que se poden conservar e fixar os criterios no caso de que se deba subsistir algún. Juncal salientou que “é unha obra complexa e confiamos en que o resultado final se corresponda coa ilusión que todos e todas temos depositada nela”. Na visita ás obras estivo acompañado por Covadonga López, directora do Museo Massó, Víctor Domínguez, da Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos, así como por Manuel Purro, o experto carpinteiro de ribeira que fixera a obra no pasado, o encargado da empresa adxudicataria, e o arquitecto municipal.
Este proxecto é unha das grandes ilusións do goberno local, debido a que é a única carpintaría de ribeira da ría de Pontevedra e supón un dos maiores elementos identitarios do pobo mariñeiro de Bueu. Por iso, e dado o interese social, o alcalde quere salientar a colaboración de todas e cada unha das persoas e entidades que están achegando o seu gran de area para que as obras se poidan levar a cabo coas máximas garantías. Boa proba disto é que, ao longo desta semana, colaboradores do Museo Massó realizarán un inventario de todas e cada unha das pezas de madeira da estrutura, para decidir despois cales se seleccionan.
A empresa adxudicataria, Coviastec, avanza na obra para poder rematala no prazo de execución, que se estipula en maio. O estaleiro sitúase no dominio do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, aínda que foi informada a súa concesión para as obras ao Concello de Bueu fai xa dous anos.
O proxecto de rehabilitación desta primeira fase foi adxudicado por un importe de 209.012,00 €, IVE incluído. Nestas obras está prevista a consolidación estrutural, ademais da substitución de todos os elementos de cubertas e a execución dun peche perimetral de vidro e madeira que permita a visión dende o espazo urbano da estrutura do estaleiro.
Esta primeira fase, que rematará a comezos da primavera, complementarase cunha segunda, que vai con cargo ás axudas do Grupo de Acción Local da Ría de Pontevedra (GALP), e que incluirá o acondicionamento do lugar con contidos expositivos, museísticos, unha pasarela de madeira interior, iluminación e vídeo vixilancia. A idea é que no interior se manteña unha exposición de embarcacións tradicionais, e que exista un espazo para a realización de actividades divulgativas.
Por último, hai que destacar que o Concello xa dispón dunha páxina web específica sobre o estaleiro (www.estaleirodepurro.gal), con información sobre o proxecto e o concurso de ideas, cunha breve referencia á carpintaría de ribeira e ás embarcacións tradicionais que tanta relación teñen con el.