Tui | O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, recibiu hai uns días ao Comité de Empresa de Maderas Iglesias xunto a representantes sindicais da CIG e UGT.
Deste xeito o rexedor tudense coñeceu de primeira man a situación pola que atravesa a empresa con sede no Porriño que chegou a ser líder mundial na fabricación de tarimas flotantes.
Actualmente a empresa conta con 169 persoas traballadoras das que 14 son de Tui. Pese ao momento de “alta produtividade” que vive a compañía nestes momentos o seu futuro é incerto debido á débeda contraída con seis entidades bancarias que demandaron xudicialmente o incumprimento do calendario de pagos.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, comprometeuse a trasladar ás institucións o apoio do Concello de Tui á empresa e demandar que se habiliten os instrumentos precisos para garantir a viabilidade da empresa, entre os que estaría a busca dun inversor.