Pontevedra/PSdeG-PSOE | Os alcaldes e alcaldesas da provincia manifestamos: Que van xa cinco meses dende o cambio de goberno na Deputación de Pontevedra e vimos de entrar en decembro. Estamos, por tanto, a piques do comezo do novo ano. Tempo máis que suficiente para que se tiveran aprobado as bases do novo plan “Máis Provincia” que o presidente da Deputación nos anunciou na xuntanza do pasado 16 de outubro.
A este respecto cómpre recordar que as bases do vixente Plan Concellos foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia do pasado 30 de outubro de 2022, polo que o atraso deste ano é máis que evidente.
Os alcaldes e alcaldesas temos bloqueada a planificación do próximo ano e a tramitación dos Orzamentos municipais porque coñecer a “letra pequena” e a dotación total que nos vai corresponder co plan de financiamento regrado da Deputación para 2024 é fundamental. Non fai falta recordar, porque o actual presidente da Deputación tamén foi alcalde, que este plan de obras e servizos é unha obriga recollida na Lei de Bases de Réxime Local e que, por primeira vez tras 8 anos non puidemos aínda poñernos a traballar con suficiente antelación nos Orzamentos municipais.
Manifestamos tamén que despois de que se nos anunciara na xuntanza pública que o montante total do plan crecerá ata os 48,2 millóns de euros, non podemos aceptar, en ningún caso, unha asignación menor da que recibimos co Plan Concellos 2023. E tampouco que os crecementos entre concellos sexan desiguais e non obxectivos.
Ao mesmo tempo, expresamos o noso apoio ao actual modelo de financiamento regrado, no que a asignación a cada un dos 59 faise en base a unha preasignación a cada un dos tres grandes grupos (concellos de menos de 10.000 habitantes, concellos de ata 20.000 habitantes e concellos de ata 50.000 habitantes), reforzando especialmente, de acordo coa lei, aos máis pequenos. Unha vez realizada a preasignación global, o reparto concreto calcúlase cunha fórmula que valora a poboación, a extensión e o número de núcleos. Cambiar o que funciona e suscitou un gran consenso na provincia sería un erro.
A Deputación de Pontevedra deu un gran avance en 2016 poñendo en marcha o Plan Concellos e o balance ata o día de hoxe foi de éxito. Un plan que permitiu acometer máis de 3.000 obras, o reforzamento de moitos servizos municipais, a mellora da situación económica dos concellos e, finalmente, a posta en marcha anual dos plans de emprego municipais.
Así que aplaudimos as boas intencións anunciadas polo novo presidente na única xuntanza que celebramos, pero iso non pode ser desvirtuado nin pola tardanza na aprobación e publicación das bases, nin por un eventual cambio nos criterios en contra da igualdade entre concellos. Os criterios deben manter a obxectividade. Non podemos permitirnos dar pasos atrás, nin a volta ao partidismo.
Por todo elo, reclamamos a publicación inmediata das bases do plan “Máis Provincia” mantendo os criterios do Plan Concellos e a apertura dunha canle constante de diálogo con todas as alcaldías da provincia para que as bases, tanto neste como en futuros plans provinciais, poidan ser pactados e coñecidos con antelación suficiente. Só así continuaremos o camiño de avance da provincia.