Oia | A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, lamentou a polémica creada a raíz da proposta de escudo oficial do municipio que foi aprobada no pleno do pasado xoves. Segundo destacou, a iniciativa ten como obxectivo dotar ao Concello dun emblema oficial do que actualmente carece, tendo en conta que o que se viña utilizando de xeito tradicional é realmente o do Mosteiro de Oia.
A alcaldesa lembrou que o proceso arredor do escudo comezou xa no ano 2018, cando o Concello fixo una consulta á Comisión Heráldica -órgano consultivo da Xunta ao que lle compete a aprobación de brasóns e bandeiras- sobre a posibilidade de dotarse dunha bandeira oficial. Foi durante a investigación sobre os símbolos e emblemas locais de Oia cando a citada Comisión lle comunicou ao O Concello que a imaxe que tradicionalmente viña empregando era realmente a propia do Mosteiro de Oia. Así mesmo, recomendaba optar por una imaxe diferente pero fiel á tradición e historia locais.
Concretamente o informe de Heráldica de setembro de 2018 trasladaba ao Concello que: “considera máis que conveniente –se non necesario- propoñer un completo replantexamento do escudo municipal actualmente en uso, dado que o mesmo é o propio que desde hai séculos atrás trouxo o importante mosteiro cisterciense aquí emprazado”. No mesmo documento, a Comisión manifestaba que facer uso do emblema heráldico do mosteiro é unha opción “sempre rexeitable” e facía a súa proposta.
Así, a rexedora insiste en que a proposta aprobada no pleno da pasada semana “non é substituír un escudo oficial de toda a vida por un novo” senón que, ante a situación de carencia de emblema oficial, “o que se busca é dotar a Oia dun escudo que conte co recoñecemento de Heráldica”.
“Isto non é un asunto de partidos, o Concello precisa ter un escudo e bandeira que o represente como institución”, afirmou a rexedora. Así mesmo, Correa lamenta que “se estea creando desconfianza na veciñanza a través de información sesgada e incompleta, facendo crer que se substitúe un escudo por outro ‘de toda a vida’, con fins que non buscan máis que xerar conflitos onde non os hai”.
Non obstante, a alcaldesa bríndase a recibir e atender as dúbidas que a veciñanza poida ter ao respecto, abrindo un período de reflexión con posibilidade de que os propios veciños e veciñas presenten no Concello todas as propostas de mellora que consideren.