O Porriño | A alcaldesa maniféstase “especialmente satisfeita” polo acordo asinado o sábado, día 10, con Pedro Ocampo, voceiro do Grupo Municipal de EU-SON no Concello do Porriño para a aprobación dos orzamentos municipais para o ano 2018.
Eva García de la Torre amósase segura de que as propostas presentadas por EU-SON “non so melloran os orzamentos, senón que serán beneficiosos para o conxunto das veciñas e veciños do Porriño”, salienta a “boa sintonía” que houbo durante as negociacións con Pedro Ocampo e agradece a súa disposición para chegar a un entendemento.
O acordo recolle distintas actuacións, unhas no eido económico e outras sociais, que estarán en marcha ao longo deste ano. Entre as primeiras un estudo para investimentos na mellora da Parroquia de Torneiros, que irá reflectido nos orzamentos; a creación dunha Oficina de Participación Cidadá que serva de enlace entre a veciñanza e o Concello; a elaboración da Ordenanza, aprobada en Pleno, para modificar a taxa para a utilización privativa, ou o aproveitamento especial do dominio público local; traballar na transparencia en todos os eidos da xestión municipal ou ou que nos pregos de contratación que se realicen desde o Concello e as súas empresas dependentes se incorporen cláusulas sociais e ambientais.
Entre os compromisos económicos cabe salientar o investimento, cando menos, de 1 millón de euros na parroquia de Torneiros, ou que os contratos de Recollida de Residuos Sólidos Urbanos e da Limpeza Viaria se fagan polo mínimo tempo mentres se licita un estudio para a xestión directa por parte do Concello ou de xeito mancomunado con outros limítrofes: un ano prorrogable a dous no caso de Limpeza Viaria e catro anos no caso da Recollida de Residuos Sólidos Urbanos.
Eva García de la Torre agarda que sexa posible, así mesmo, acadar o apoio do Bloque Nacionalista Galego e, neste sentido mantivo varias xuntanzas moi proveitosas e útiles co seu voceiro, Pedro Pereira, nos días pasados, o mesmo que sumar a este acordo á representante do Grupo Municipal de Non Adscritos, Sabela Landín.
“Estamos moi preto de poder aprobar uns novos orzamentos por maioría, sen ter que acudir a outras posibilidades, como a Cuestión de Confianza vencellada aos presupostos a cal, dende logo, non dubidaría en presentar se fose necesario”, engade.
Sexa coma fose, a alcaldesa, como expresou ao voceiro de EU-SON, Pedro Ocampo, manterá o acordo asinado con él e co seu grupo, aínda no caso de que se vise obrigada a recorrer a esa Cuestión de Confianza.