Alcaldesa Inés Rey reitéralle á Xunta que “o Porto é dos coruñeses”

Pleno municipal rexeitou a proposta da Xunta sobre a titularidade dos peiraos

A Coruña | A alcaldesa, Inés Rey, reiteroulle á Xunta que tal e como dixo onte “o Porto é dos coruñeses e o seguirá sendo mentres eu sexa alcaldesa”. O Executivo confirmou esta mañá no Pleno o seu rexeitamento á proposta da Xunta de se quedar coa titularidade do 51% de Batería e Calvo Sotelo para integrar os peiraos na cidade.

O compromiso do Concello para definir un novo horizonte litoral baséase nos principios da titularidade pública dos terreos, da creación de equipamentos e de espazos libres públicos e dos usos produtivos portuarios e complementarios vencellados á economía do mar.

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, lembrou durante o debate dunha moción sobre a defensa do porto que a reordenación da fachada portuaria é crucial para o presente e o futuro da cidade, e que se está a avanzar como noutros grandes proxectos como o Chuac, a Intermodal e o centro de saúde de Santa Lucía: “Non teñan ningunha dúbida de que imos avanzando no futuro do porto, pero non imos caer en propostas precipitadas e interesadas”, dixo.

O edil acusou o resto das forzas políticas da Corporación de caeren na polarización no tema do porto e de se tentar apropiaren da transformación da fachada marítima da cidade. E lembroulles que neste momento a obriga do Goberno local é a de marcar o rumbo da reordenación coa máxima responsabilidade. “A defensa do porto non é patrimonio dalgúns, é un interese unánime de toda a cidadanía, estea ou non integrada en grupos ou plataformas, e do Pleno, e por iso presentamos evidentemente a mesma emenda do pasado mes de abril para preservar e consolidar a unanimidade plenaria”.

“A defensa do porto non é patrimonio dalgúns, é un interese unánime de toda a cidadanía, estea ou non integrada en grupos ou plataformas”

E culpou a Xunta de polarizar e patrimonializar as solucións para o porto que neste momento o Goberno local non está disposto a admitir polas présas do Executivo galego de facer unha planificación urbanística de futuro. “Estamos ante un reto tan importante que é compatible abordarmos a apertura dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería con facermos unha planificación urbana de medio e longo prazo”, dixo.

Non poden, subliñou, chegar aquí e poñer 26 millóns de euros para se quedar co 51% dos peiraos. Para Villoslada, é prioritario facer unha planificación urbana, conformar un ente instrumental e decidir a súa natureza xurídica, así como as porcentaxes que deberá aportar cada administración.

Non se trata, dixo, de vir aquí a comprar ese espazo e sinalou que o Concello que fai unha achega de 20 millóns para a construción do Chuac “non pretende quedar coa xestión da sanidade; hai que poñer as cousas no seu sitio”. “A visión da Xunta é pouco urbana, certamente caciquil e demostra certa prepotencia ao chegar co talonario. Hai que facer un traballo de curto prazo pero tamén de medio e longo para facermos unha planificación urbana responsable”, rematou.

Vivenda 
Doutra banda, a raíz dunha moción do BNG sobre a posible cesión por parte da Sareb de vivendas para alugueiro social que foi apoiada pola Corporación, o edil de urbanismo, Juan Díaz Villoslada, confirmou que o Goberno municipal está a traballar coa Sareb na posibilidade, se a sociedade resulta adxudicataria das 52 vivendas de Palavea na puxa que se realizará este mes, de obter a cesión das vivendas en usufruto para integralas no parque municipal de vivenda municipal e destinalas a alugueiro social e para cubrir as necesidades de persoas menores de 35 anos e maiores que poidan necesitalo. Reiterou a necesidade de vivenda pública na cidade onde na actualidade hai inscritas máis de 3.000 persoas demandantes de vivenda: “Para o Goberno local a prioridade é cubrir a demanda de vivenda pública e estamos traballando para mobilizar preto de 900 vivendas de protección oficial”, dixo Villoslada, que lembrou unha vez máis que Galicia entre 2011 e 2019 estivo á cola de todas as comunidades autónomas na mobilización deste tipo de vivenda.