Lugo | O Goberno municipal de Lara Méndez dá un paso máis na procura dun modelo de cidade máis sostible, integradora e accesible. O executivo municipal aprobará a vindeira semana a licitación das obras para a renovación e ampliación do paso subterráneo baixo a estrada Nacional VI, co obxectivo de mellorar as condicións deste itinerario peonil, que será apto tamén para o uso de bicicletas.
Así o avanzou a rexedora, quen explicou que “na vindeira Xunta de Goberno Local aprobaremos destinar 1.101.000 euros para levar a cabo estes traballos cos que buscamos favorecer o acceso á zona do río e ás instalacións e servizos da súa contorna dende o centro da cidade, reducindo o uso dos vehículos particulares e, polo tanto, as emisións de CO2 e a contaminación”.
As obras, que terán un prazo de execución de 5 meses, contemplan a demolición do actual paso inferior, feito de formigón, e a execución dunha nova estrutura de paso, cun gálibo horizontal e vertical máis amplos, o que diminuirá o efecto túnel e farao moito máis agradable e seguro para o usuario, con perspectiva de xénero. Neste senso, dobrarase a anchura, pois dos 4,5 metros actuais pasará a 8, e a altura será máis do dobre, pasando dos 2 metros actuais (nos extremos) a 5,3 metros.
Lara Méndez explicou que “seguimos avanzando no noso modelo de cidade verde, apostando por unha transición ecolóxica cara unha nova mobilidade baixa en emisións, coa que contribuír ao coidado e protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático, unha realidade que nos atinxe a todos e desde a que estamos a traballar desde o Concello desde diversas estratexias e de xeito transversal desde todas as áreas municipais”.
“E, ao mesmo tempo, buscamos que Lugo deixe de vivir de costas ao Miño, mellorando as conexións coa contorna fluvial e reducindo a dependencia do automóbil, ben sexa coa renovación de itinerarios, como neste caso, ou a creación de novos accesos como a construción da pasarela peonil, cuxas obras xa se atopan en marcha”, engadiu a alcaldesa.