Mos | No Pleno da Corporación Municipal do Concello de Mos celebrado o pasado 29 de marzo produciuse a toma de posesión por parte do concelleiro do grupo municipal de goberno, José Areal Giráldez, sobre o que a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, adiantou na sesión plenaria que sería o edil responsable da concellería de Deportes.
Pois ben, esa non é a única novidade que implica a incorporación de Areal ao equipo de goberno local, senón que supón unha reestructuración das delegación que se produce cando queda xa moi pouco para chegar á metade da lexislatura.
Ademais de Deportes, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, aposta por José Areal para xestionar Urbanismo e asígnalle Patrimonio ao edil Leo Costas, que ata o de agora xa levaba as concellerías de Medio Ambiente Sostible, Mocidade, Emerxencias e Novas Tecnoloxías.
“El é un home que coñece moi ben o mundo do deporte porque foi presidente dun dos clubes máis importantes do noso municipio, a Unión Deportiva Mos, e foi tamén xogador da UD Mos e do Club Louro Tameiga, polo que ten un amplo coñecemento do tecido asociativo deportivo mosense e estou segura de que ten un gran perfil para dirixir os departamentos municipais tanto de Deportes como de Urbanismo”, declarou Arévalo sobre o concelleiro José Areal.
Por outra banda a rexedora local mosense asígnalle a concellería de Participación Cidadá a Sara Cebreiro, carteira que se suma ás súas competencias actuáis nos departamentos de Política Social e Igualdade, e Cultura e Turismo.
“A continuidade imponse nos casos dos outros 5 concelleiros/as do equipo de goberno local”
A continuidade imponse nos casos dos outros 5 concelleiros/as do equipo de goberno local. A edil Julia Loureiro segue a levar as concellerías de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Educación, Persoal e Réxime Interno, e Mobilidade.
Alberto Méndez Lago, leva as concellerías de Facenda, Contratación, Transparencia e Bo Goberno.
O tenente alcalde, Camilo Augusto, dirixe as concellerías de Desenvolvemento Urbano e Revalorización de Espazos Públicos, Vías e Obras, e Coordinación coas Asociacións Veciñais.
Baldomero Lorenzo encárgase de Servizos para a Mellora do Entorno Eural e Urbano e Parques e Xardíns.
E Gonzalo Alonso Táboas continúa coas concellerías de Alumeado e Eficiencia Enerxética e Recollida de Residuos.
Sobre os cambios realizados no goberno local a alcaldesa salientou que “son realizados pensando sempre en mellorar, en prestar mellores servizos á veciñanza e respostar óptimamente ás súas demandas, necesidades e prioridades; pensando en seguir a construir o Mos das persoas, un territorio de oportunidades poñendo a Mos e aos mosenses por riba de todo”.