Desde que comezou a guerra en Ucraína e o mundo voltou a unha especie de “nova orde mundial” repleta de incertidumbres e volatilidade, cada proceso electoral que se celebra en escenarios estratéxicos de poder como EEUU e Europa ocupa un nivel de atención prácticamente tendente a rozar a supervivencia en clave de preservar a vitalidade de valores que considerábamos consolidados e que agora vense seriamente contrarrestados.
Vaiamos por partes. As eleccións xerais en Alemaña deste 23 de febreiro anunciaron o retorno contundente da dereita conservadora. A CDU de Friedrich Merz alcanzou o 28,5%, con 208 escanos. Nas eleccións de 2021, a CDU obtivo o 24,1% dos votos.
Pero a noticia das eleccións alemás non está na vitoria de Merz e da CDU senón no impresionante ascenso da ultradereita de Alternativa por Alemaña (AfD) que pasou do 10,3% dos votos en 2021 ao 20,6% de 2025, con 152 escanos. No novo Parlamento (Bundestag), AfD se erixe agora como o principal partido de oposición, con capacidade para neutralizar calquera iniciativa parlamentaria que tente levar a cabo a nova coalición de goberno que Merz e a CDU comezarán a deseñar a partir de agora, con negociacións que auguran certas tensións políticas.
“AfD se erixe agora como o principal partido de oposición, con capacidade para neutralizar calquera iniciativa parlamentaria”
E aquí ven a novidade. A ata agora gobernante socialdemocracia do SPD sufriu un notorio descalabro: alcanzou o 16,5% (25,7% en 2021), quedando en 120 escanos. Seguindo no bloque da esquerda, Os Verdes (Die Grünen) quedaron en 11,8% (14,8% en 2021) e A Esquerda (Die Linke) tivo un repunte importante: 8,7% dos votos, coa capital Berlín como o seu principal bastión electoral.
AfD confirmou nestas eleccións a súa incontestable hexemonía política no Leste alemán, a ex comunista RDA. Un resultado histórico pero non menos contraditorio porque coloca en entredito as bondades da reunificación alemá de 1990. O seu espectacular ascenso débese en gran medida ao tema migratorio, especialmente coa chegada dos refuxiados sirios a partir de 2015 (Alemaña recibiu a case un millón de refuxiados) e a política de Schölz de apoio case incondicional a Ucraína, condicionando as relacións con Rusia, principalmente en materia enerxética.
Para tranquilizar as elites europeístas dominadas agora pola presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen (por certo tamén da CDU) e do atribulado presidente francés Emmanuel Macron, Merz xa anunciou que non pactará con AfD. Non haberá, por tanto, coalición dereita-ultradereita. Hai un precedente clave: as eleccións austriacas de decembro pasado, que puideron ser unha fotografía clara do que sucedería en Alemaña neste febreiro de Entroidos: en Viena tampouco houbo coalición dereita-ultradereita e o país encamíñase a gobernos débiles ou repetición electoral. Bruxelas preme constantemente para afianzar un “cordón sanitario” contra esa ultradereita da AfD e dos seus aliados europeos, aparentemente moi ligada a Rusia. A prolongada sombra do Kremlin pesaba moito neste comicios alemáns.
Así, o establishment europeísta, moi fracturado e desanimado ante o pacto Trump-Putin por Ucraína, aspira reeditar en Berlín este 2025 aquela Gran Coalición de 2005 entre Merkel e o SPD, agora con Merz na Chancelería. O presumible pacto CDU-SPD é unha posibilidade real tomando en conta o momento de debilidade europea ante o pacto Trump-Putin e o ascenso dun AfD e dos seus aliados continentais e transatlánticos (Trump, Musk, Bannon) que auguran tempos turbulentos en Alemaña e Europa.
E isto nos leva necesariamente ao que está sucedendo coa guerra ucraína. Zelenski, que recibiu en Kiev este 24 de febreiro a prácticamente toda a UE para confirmar o apoio europeo a Ucraína na conmemoración do terceiro aniversario do comezo da guerra (Macron estaba en Washington tentando convencer a Trump de dar outro golpe de temón para que Europa teña voz e voto neste pacto EEUU-Rusia) ofrece agora a súa presidencia a cambio de entrar na OTAN. Un xiro inesperado de 360º que revela problemas internos para o seu liderado en Kiev ante os recentes ataques desde Washington e a certificación de que Rusia está gañando, cando menos en materia xeopolítica. China, expectante á hora de medir ata que punto este pacto Trump-Putin non termine de afectar os seus intereses, convértese agora nun inesperado aliado europeo cando proclama que a UE ten que estar presente como actor importante nesa negociación sobre a paz en Ucraína.
A pesar dos ‘cantos de serea’ sobre o ‘bálsamo Merz’ para salvar a Europa, a política alemá corre o risco de reproducir unha crise similar á que ven manifestando dende fai varios meses o goberno de Emmanuel Macron en Francia. O ‘cordón sanitario’ contra AfD e Reagrupación Nacional (RN) de Marine Le Pen implican que o histórico eixe xeopolítico Berlín-París que sostén a UE vese fracturado internamente polo ascenso de partidos de ultradereita con tintes antisistema. Ámbolos dous, AfD e RN, son acusados dende Bruxelas de ter conexións co Kremlin e incluso con China. E se ben o “trumpismo” europeo tenta configurarse agora con maior nitidez, as súas diferencias internas non son menos notorias, en particular co respecto ás relacións que deben manter con Rusia. Se AfD, RN e os presidentes húngaro Viktor Orbán e eslovaco Robert Fico sustentan a necesidade de reapertura con Moscova, a italiana Giorgia Meloni ou VOX manteñen o compromiso “atlantista” e da UE con Ucraína.
“A pesar dos ‘cantos de serea’ sobre o ‘bálsamo Merz’ para salvar a Europa, a política alemá corre o risco de reproducir unha crise similar á que ven manifestando dende fai varios meses o goberno de Emmanuel Macron en Francia”
Pero os tempos son outros para ese establishment europeísta e atlantista que tenta non morrer e asirse a calquera posibilidade de recuperación dun glamour de poder que xa non ten. Vexamos como han cambiado os tempos. EEUU, Rusia, Bielorrusia e Corea do Norte votaron conxuntamente na ONU este 24 de febreiro unha resolución contra Ucraína. E iso mentres Merz gañaba en Alemaña e Macron intentaba en Washington ante Trump o seu enésimo esforzo por recuperar a “grandeur da France” en clave europeísta.
En Riad, mentres se reunía co ministro ruso de Exteriores Serguéi Lavrov para formalizar as negociacións ruso-estadounidenses sobre Ucraína, o vicepresidente estadounidense J.D.Vance (para moitos o sucesor de Trump como abandeirado do trumpismo) percatouse da escasa capacidade de interpretación en Europa sobre os tempos que corren, en termos claramente xeopolíticos. Con iso Vance deixou entrever que nin Macron nin Merz son líderes capacitados para reconducir unha Europa que mira cómo EEUU, Rusia e China recomponen o mundo.
Agora ben, alén de AfD, hai “Alternativa” en Berlín para reconducir unha UE que transita pola súa peor crise existencial?