Pontevedra | A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra vén de alertar da subida de rexistros de actividade das eirugas hibernantes da bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis) e da importancia de facer máis intensiva a vixilancia ou mesmo iniciar o tratamento para facer fronte á súa expansión. Esta praga, orixinaria do leste de Asia, constitúe xa unha grave ameaza para os xardíns históricos e tradicionais das Rías Baixas e é a responsable da perda das formacións naturais de buxo no Pirineo catalán e no centro de Europa.
A pesar das frías temperaturas destas noites, as eirugas hibernantes da bolboreta do buxo están retomando a súa actividade e prevese que nos vindeiros días aumenten os seus rexistros. Deste xeito, dende Areeiro recomendan incrementar a vixilancia das sebes e árbores, eliminar os gromos afectados e mesmo aplicar tratamento xa nas comarcas máis cálidas para facer fronte a esta praga que, baixo condicións favorables, pode ser explosiva.
As eirugas desta bolboreta, orixinaria do leste de Asia, presentan unha elevada voracidade, provocando a defoliación en poucos días dos buxos, que quedan practicamente nús, e comprometen a súa vitalidade. Por estes motivos, e durante a primavera, dende Areeiro aconsellan facer un seguimento periódico dos buxos para actuar a tempo e reducir a grave ameaza que supón esta especie invasora que está xa a provocar a perda de parte das formacións naturais de buxos en numerosos países de Europa.
O buxo é unha planta empregada amplamente nos xardíns das Rías Baixas formando parte do patrimonio histórico. Trátase dunha leñosa propia dos xardíns dos pazos, onde acostuman configurar trazados xeométricos ou labirínticos que constitúen verdadeiras obras de arte. De feito, Emilia Pardo Bazán facía referencia nos seus escritos aos buxos no marcos dos xardíns dos pazos galegos e hoxe seguen a ser parte do atractivo e tamén reclamo turístico en lugares como Oca, na Estrada, ou Castrelos en Vigo.