Ponteareas | A Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas foi convidada, un ano máis, polo Cabildo da Catedral da Almudena para participar na procesión de Santa María La Real, onde fará unha particular ofrenda floral, elaborando unha alfombra de flores, para o paso da Virxe, como as que se fan en Ponteareas con motivo da festa do Corpus Christi.
O deseño da alfombra esta inspirado na cúpula da Catedral, e do mesmo xeito que os debuxos de Luís Galicia, en cada esquina reprodúcese un dos catro elementos, terra, aire, auga e lume. O motivo central da alfombra é a imaxe de Santa María a Real, debuxo realizado polo pintor, Javier Otero, que colabora coa Asociación de Alfombristas.
Ao redor e como marco, destes motivos centrais, reprodúcese unha orla de elementos vexetais para encarnar a fusión da cor e a xeometría na natureza. Esas cores que Galicia atribúelle noutras das súas obras ás ondas ou os montes, na Almudena e que lembran á arte mozárabe.
A alfombra será cadrada sobre 80 m2 de superficie. As flores serán principalmente; caraveis, buganvillas, hortensias e o resto de elementos vexetais será levados desde Galicia para confeccionala. Para iso membros da Asociación de Alfombristas de Ponteareas viaxarán o próximo día 8 de novembro a Madrid, para confeccionar na madrugada do mércores día 9 unha alfombra de flores na rúa Bailen diante da Porta do Príncipe do Palacio Real.
Con esta ofrenda, neste ano Santo Xacobeo 2022 queremos tamén destacar, de forma simbólica, dúas Catedrais, a da Almudena e a de Santiago unidas polo camiño que percorren miles de peregrinos. A vila de Ponteareas, no sur da Provincia de Pontevedra, alcanzou especial renome pola celebración da festividade de Corpus Christi, onde os veciños confeccionan artísticas alfombras de flores naturais para o paso da procesión do Santísimo Sacramento.
Trátase dunha obra colectiva que expresa a cultura popular das xentes de Ponteareas que, ao longo de douscentos anos, souberon conservar e promover esta celebración, recoñecida como “Festa de Interese Turístico Internacional”. É pois a festa do CORPUS CHRISTI a máis representativa de Ponteareas. Esta confección das alfombras florais serviulle a Ponteareas para ser coñecida como “A Vila do Corpus”. Pola súa historia e tradición secular Ponteareas é “O Berce do Alfombrismo Español”.
Esta iniciativa parte de D. Antonio Troncoso de Castro , veciño de Madrid, pero natural de Ponteareas, e fillo Predilecto desde 1996 da Vila do Tea, que se puxo en contacto coa Asociación de Alfombristas Do Corpus Christi de Ponteareas, para facer esta ofrenda a Santa María a Real da Almudena, e ao que lle estamos agradecidos.
Desde a Asociación de Alfombristas Do Corpus Christi de Ponteareas , queremos agradecer ao Cabildo da Catedral da Almudena, e principalmente a D. Jesus Junqueras Prats por facer posible nosa ofrenda a Santa María a Real da Almudena.