Alfonso Albor Rodríguez, da adega Pazos de Albor, é o gañador da edición 2020 do Premio “Vida entre Vides” có que o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro recoñece a andaina dos profesionais que, coa súa dedicación e traballo, fixeron posible o desenvolvemento e recoñecemento dos seus viños.
A cerimonia de entrega será unha parte destacada na gala dos Premios da D.O. Ribeiro, o venres 18 de decembro ás 10.30 horas, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela.
Juan Manuel Casares, presidente do CRDO, sinala sobre o galardoado: “encarna a historia do Ribeiro e ademais deixa patente que, con casos coma estes, poderíanse paliar as deficiencias no mundo rural, xa que de haber máis exemplos coma o del xunto coa súa filla, a remuda xeracional estaría asegurada”.
Emilio Rojo recolleu o “Vida entre Vides” no 2019, anteriormente os homenaxeados nesa categoría foron Avelino Lorenzo, Arsenio Paz e máis Manuel García Montero.
Os Albor e o Ribeiro
A ligazón familiar co Ribeiro remóntase ao século XVIII, cando o primeiro dos Albor adquire unha casa en Coedo, concello de Cenlle, converténdoa despois Antero Albor en adega para elaborar viño, que posteriormente pasou a Victorino Albor e que, cando chegou o momento, Alfonso Albor herdou.
Alfonso Albor Rodríguez deixou a escola moi novo para ir traballar á canteira e, na década dos 70, emigrou a Alemaña, onde naceu a súa filla Mónica, no ano 1972. Pero como case todos os emigrados, volveron á súa terra, en 1994. E algúns anos despois recuperaron o proxecto da adega para sacar ao mercado os viños de Pazos de Albor.
Actualmente a propiedade é da cuarta xeración dos Albor, xa que Mónica Albor tomou o relevo de seu pai Alfonso, e encárgase de coidar as viñas co mesmo esmero ca el, aprendendo dos seus consellos e dos segredos familiares no eido da viticultura.
Alfonso Albor actualmente está gozando da súa merecida xubilación, pero a miúdo segue a pasar pola adega para aconsellar no que pode á súa filla Mónica e para aportares o seu gran de area ao proxecto que conta gran valor sentimental para ambos.
“Para min é unha satisfacción enorme ver que a miña filla Mónica dálle continuidade á tradición familiar. Gústame como o fai, como a xestiona, e trato de aconsellala no que podo, aínda que ás veces tamén aprendo, como por exemplo no mundo das promocións ou novas tecnoloxías”, apunta Alfonso Albor
Os Premios D.O. Ribeiro 2020
A edición 2020 dos Premios da Denominación de Orixe Ribeiro contará cunha gala distinta e híbrida, con asistencia limitada ao recinto pero difundida a través de redes sociais e Internet.
O día 18 recoñecerase tamén aos mellores viños brancos e tintos na cata oficial, de adega e de colleiteiro; e o catador e profesor Luís L. Paadín será nomeado “Persoeiro de Honra” 2020.
Tamén se entregarán os premios “Muller e Viño” a Esther Daporta; ao “Mellor Labor de Comunicación” a Francisco Gil do Cousas de Comer; ao “Mellor servizo de viño en restaurante” ao Restaurante Asador Los Abetos, de Nigrán; á “Mellor tenda de viños-viñoteca”, a Valladares, en Santiago; e ao “Mellor bar de viños-taberna” a Derby, en Vilagarcía.