Ourense | O Plan Termal de Galicia 2025-2028 foi presentado por Alfonso Rueda, presidente da Xunta, e por Xosé Merelles Remy, director da Axencia de Turismo de Galicia., no Teatro Principal da cidade das Burgas.
Este plan, deseñado para executarse durante esta lexislatura e que busca reposicionar a imaxe de Galicia como referente internacional do termalismo, “complementarase na súa capacidade transformadora co compromiso institucional e a cooperación público privada, logrando así un destino cada vez máis competitivo, e sustentable, orientado ás necesidades de conexión coa natureza e benestar”, explicou o presidente provincial, Luis Menor, durante a súa intervención no acto.
Neste eido, defendeu “a innovación” que lle imprime a Deputación ao traballo realizado para desenvolver o termalismo na provincia, ao que cualificou como “sector estratéxico”. E amosou o seu convencemento de que “como xestores públicos temos a obriga de contribuír a captar investimentos para modernizar as infraestruturas existentes e crear outras novas”.
En materia de innovación no eido termal, Luis Menor avanzou que a Deputación de Ourense acordou con ADIF a apertura da primeira oficina de información sobre termalismo situada nunha estación AVE en toda España: “Un espazo por e para os balnearios e cuxo obxectivo é que os centos de miles de persoas que anualmente pasan pola nosa Estación de tren teñan á súa disposición información termal, poidan acceder a promocións e sobre todo asocien a alta velocidade ferroviaria como posibilidade de mobilidade e proximidade aos balnearios de Ourense”.
Ourense Termal
Lembrou Menor que na provincia de Ourense “levamos traballado moito e ben, da man da cooperación institucional, para posicionarnos dentro dun sector que é parte da nosa idiosincrasia”, e fixo un repaso a accións singulares como os plans de sustentabilidade “Ourense Termal” e “Ourense colle velocidade”, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. Fixo un breve repaso o presidente da Deputación do labor realizado por parte da institución en materia de innovación en materia termal, sinalando que ademais de aprobar as bases do Programa de Termalismo Social Provincial (que incluirá a nova modalidade do “Termalismo Azul” para promover a lonxevidade saudable), realizáronse con éxito iniciativas como a que acolleu aos primeiros “nómades dixitais” en balnearios da provincia “e nas vindeiras semanas darase a coñecer un programa de respiro emocional ás persoas maiores afectadas pola DANA”, ademais de “propiciar un envellecemento saudable e unha lonxevidade envexable coas augas termais como nexo. Somos conscientes de que temos un tesouro baixo os nosos pés, en estado líquido e termal”.