Mos/PPdeG | O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, amosou hoxe o seu convencemento de que en 2023 haberá aínda máis alcaldesas populares nos 313 concellos galegos e afirmou que os comicios do próximo ano serán a constatación de que “mentres haxa mulleres que cren nas políticas serias, o éxito sempre chega”.
No marco do Foro de Alcaldesas que tivo lugar hoxe en Mos, o líder dos populares galegos quixo agradecer ás 24 rexedoras e 600 concelleiras do PPdeG o seu traballo nos diferentes concellos e animounas a “seguir traballando para manter a estabilidade fronte ao barullo, para deixar que a xesticulación non substitúa á xestión e para ter as maiorías necesarias para evitar os desgobernos e os pactos de perdedores”.
Alfonso Rueda reivindicou a defensa “sen complexos” da igualdade que levan a cabo as mulleres e os homes do Partido Popular de Galicia fronte aos que consideran esta loita “un coto pechado” e animou aos seus a seguir “avanzando con feitos na loita contra a violencia machista e na construción da igualdade real todos os días, fora de slogans e de postureo”.
Puxo en valor neste sentido o feito de que Galicia sexa a Comunidade con menor taxa de paro feminino no conxunto de España e sinalou que “por cada euro que o bipartito PSdeG-BNG investía en igualdade, violencia de xénero e conciliación, o goberno do Partido Popular inviste catro”.
Poñendo en valor a experiencia das alcaldesas presentes neste foro, Alfonso Rueda fixo un chamamento a seguir avanzando na loita pola igualdade desde a humildade, a constancia e o coñecemento: “Somos maioría os que cremos nunha sociedade sen fendas de xénero”.
Propostas para a política local
O líder dos populares galegos foi o encargado de presidir este Foro no que estivo acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, a secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro, e a vicesecretaria de Igualdade do PPdeG, Raquel Touriño.
Nel participaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e as rexedoras populares dos concellos de Lousame, Muros, Santa Comba, Trazo, Folgoso do Courel, Guntín, Triacastela, Bande, Boborás, A Bola, Carballeda de Valdeorras, Cenlle, Gomesende, Larouco, Lobios, Oímbra, Porqueira, Rairiz de Veiga, Vilariño de Conso, Riós, Marín, Oia e Salvaterra de Miño.
Na reunión acordouse un documento vivo no que se recollen unha serie de propostas de cara á elaboración dos programas electorais do PPdeG nas eleccións municipais do vindeiro 2023.
Unha serie de iniciativas que teñen como obxectivo situar ás persoas no eixo de actuación no ámbito local, recollendo as necesidades e inquedanzas da veciñanza e profundando no coñecemento do territorio para construír espazos que acollan, que inclúan, que xeren oportunidades e que sexan foco de atracción económica, social e cultural.
As diferentes alcaldesas reunidas no Foro avogaron por levar a cabo políticas comprometidas coa mocidade, de asentamento de poboación no rural, de igualdade, de apoio á conciliación familiar e comprometidas coa inclusión e a diversidade. Así como tamén medidas de apoio á cultura, de potenciación turística, de eliminación de trabas burocráticas, de adaptación aos retos tecnolóxicos e de mobilidade sostible.