Algo cheira a podre.

Manuel Herminio Iglesias

“Algo cheira a podre o noso arredor cando lle cortan as alas ó páxaro pra non voar. Cando nin se pode loitar polos demais…”

O título dunha cantiga do grupo ourensán dos anos 60 “Folk Cantigas” denunciaba a situación do que acontecía na ditadura, e ise título lémbrame o que hoxe pasa no pais Venezolano onde o réxime de Maduro no saca as actas electorais á luz o que ratifica que algo cheira a podre nese proceso electoral.

Segundo Maduro, en Venezuela todos os milleiros de cidadáns que protestan na rúa polo resultado electoral son terroristas e fascistas. E diante esa afirmación di que hai que encadealos a todos e tratalos como delincuentes que son. Esa parece que é a reacción oficial dun presidente que fala de revolución e de inxerencia doutros países na vida interna de Venezuela. Mais esa incapacidade de demostrar que os resultados electorais son os que el di amosan debilidade e xa veremos como remata o asunto. Despois do visto e estamos diante o caso dun presidente que se proclama gañador dunhas eleccións nas que case ninguén cree que foron limpas, e que pechou as fronteiras pra que non votaran os millóns de cidadáns que fuxiron ós países lindeiros. Ou que puxo miles de trabas pra que non votasen os millóns de venezolanos que viven no estranxeiro. O discurso non é novo. Na Cuba dos Castro e agora gobernada por outro semellante, anos atrás, tamén se dicía que os que fuxían do pais eran mala xente, ou sexa: delincuentes.

“Moi mal pintan as cousas en Venezuela. Moi mal o están a pasar milleiros de persoas que escapan co posto ós países veciños ou cara a nosa península”

Moi mal pintan as cousas en Venezuela. Moi mal o están a pasar milleiros de persoas que escapan co posto ós países veciños ou cara a nosa península. Entón que é o que acontece nesa terra pra que a xente fuxa? A resposta é clara: ademais dunha ditadura, pasa que todo funciona moi mal. Ben sei que hai xente cega e chosca que non quere ver esa realidade e que xustifica esa ditadura que dura demasiado tempo.

O chavismo, e a súa revolución que mira para o país cubano, está a sumir o Estado caribeño nun espazo sen lei nin servizos que esquilma e escaralla todo o que toca. Hai uns anos unha persoa de ascendencia galega que vive entre Madrid e a Republica Dominicana díxome o seguinte: O primeiro país do Caribe que acadou a independencia dos europeos foi Haití. Mais despois de varias revoltas tomaron o poder a xente máis humilde e sen preparación alfunha. Xente que soamente vía e respiraba odio contra os que tiñan plantacións e empresas. E posiblemente tiña parte de razón polos excesos cometidos.

Diante ise panorama de inseguridade a clase media fuxiu. E os que tomaron o poder levaron o pais a ruína total. Hoxe Haití é o pais máis pobre do mundo onde non hai nin lei nin maneira de vivir. A mensaxe do meu interlocutor, despois de recomendarme un libro pra ampliar os coñecementos sobre esa terra, viña a dicir que sin unha xente minimamente preparada e unha clase media que crea empresas o pais non pode progresar.

Pois ben, no país onde as supostas revolucións se fundamentan no odio e en ir contra o que crea empresas e traballa, estas revoltas soamente serven pra acadar o poder e despois arruinar ó estado. As sociedades prosperan cando non existe unha ruptura social e todo o mundo pode vivir.

Pero tamén cando hai emprendedores que son capaces de arriscar e crear riqueza, e pra eso necesitase fuxir das ideoloxías que soamente sementan odio entre a xente. Non sei o acontecerá en Venezuela pero pinta todo moi mal; pois cando non existe o respecto á vontade popular emitida en votos, todo camiña á contra. E cando eso acontece é que algo cheira a podre no réxime de Maduro. Por iso vexo con tristura como forzas políticas democráticas desta terra, forzas que teñen un atavismo ideolóxico a modelos revolucionarios fracasados, saen á palestra pedindo que se recoñeza ó réxime de Maduro. A verdade é que non o entendo.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.