Cando escoitamos o termo terrorismo, a todos sen nos ven a cabeza a violencia armada, asasinatos, secuestros, extorsión e, por suposto, ETA. Se buscamos no dicionario da Real Academia Española a palabra terrorismo, na súa terceira acepción atopámonos coa seguinte definición: “Actuación criminal de bandas organizadas, que pretende crear alarma social con fines políticos”.
Se atendemos ao que di a RAE, poderíamos considerar unha banda organizada, a parte da xudicatura, determinados medios de comunicación, un sindicato e un partido que, con fins políticos, están aterrorizando a persoas que non pensan coma eles, ata facer insoportable a súa vida, coa clara intención de facerse co poder?
Non só se mata a alguén de xeito físico, non hai peor morte, que aquela na que antes de executarte socialmente, aterrorízante e tortúrante psicoloxicamente sen compaixón, a base de calumnias e bulos, sen pensar no dano que están infrinxindo ao entorno familiar e social da persoa que é obxecto de infamia. Parellas, fillos, pais, irmáns, amigos, todo lles dan igual con tal de acadar o poder. O fin xustifica os medios.
“Os casos nos que a dereita popular está involucrada por esnaquizar a vida de persoas son innumerables”
Os casos nos que a dereita popular está involucrada por esnaquizar a vida de persoas son innumerables . Reproducir todos nun breve artigo sería imposible, por iso so mencionarei o caso de Mónica Oltra. O resultado da execución política desta muller, tras ser acusada, sen probas, de encubrir abusos sexuais que cometeu o seu exmarido, reflíctese agora con toda crueza no seu deterioro, na súa expresión, na mirada, na súa impotencia e fatiga. Tras aterrorizala e humillala durante meses, conseguiron o seu obxectivo, que non era outro que eliminala da escena política. Nas seguintes eleccións, recolleron os froitos do odio que sementaron e acadaron o poder.
Este é o xeito de facer política da dereita popular. Acusan, aterrorizan e criminalizan, sen probas, a persoas e partidos de financiarse con cartos de narcodictaduras, de ser cómplices de Eta, de enriquecerse ilicitamente para a continuación repetir a mentira mil veces e convertela en verdade, ao puro estilo de Goebbels.
A pregunta que me fago é: Alguén que aterroriza non é un terrorista?