Houbo un tempo en que falar de Palestina era referirse á ‘gran crise de Oriente Próximo’. Con certos matices, políticos, expertos, analistas e activistas de moitas cores fixeron da causa palestina un leitmotiv. Pero se observamos o panorama de hoxe, son poucos os que creban a súa “pica de Flandres” por causas como a palestina, como tampouco o fan con causas como a curda e a saharauí, por colocar algúns exemplos non moi afastados xeograficamente.
Vexamos, primeiro, a actualidade. Biden vai de xira por Oriente Próximo, concretamente Israel, a Autoridade Nacional Palestina (única entidade lexítima recoñecida como tal) e Arabia Saudita. E tamén Putin fai o seu Orient Express, neste caso por Turquía e Irán. Cada quen manexando os seus intereses, os seus eixes xeopolíticos nesta ‘nova orde global’ que cheira a militarización a ultranza por mor da invasión militar rusa a Ucraína.
Noutros tempos, estas xiras eran noticia de primeira plana nos medios. Hoxe non imos negar que seguen a selo pero por outras razóns. Aquí prima a ‘enerxía’ en clave xeopolítica e xeoeconómica, particularmente ante as ameazas de desconexión enerxética rusa de Occidente. Así, é Ucraína o novo leitmotiv como mañá (non moi lonxe, por certo) pode ser Taiwán, a tenor das tensións in crescendo entre China e EE.UU.
“Por realpolitik, Biden aterra principios que os mass media fanos crer que son básicos da política exterior estadounidense”
Por realpolitik, Biden aterra principios que os mass media fanos crer que son básicos da política exterior estadounidense. Eses ‘principios’ de defensa da democracia e dos dereitos humanos que vense abaixo cando ‘Occidente’ (e digo Occidente cando é Washington tutelando a “otanización” de Europa o epicentro neurálxico dese poder) sabe que o circuíto económico global vese afectado cando encher o tanque de gasóleo custa 100€. Aí non hai cálculos ‘prosaicos’ nin ‘éticos’ que valgan. O que manda son os intereses, así teñas que negociar ‘novas alianzas’ económicas para garantir o subministro enerxético con países ‘incómodos’ como Arabia Saudita, Acerbaixán ou Venezuela, que non destacan precisamente pola súa democracia e dereitos humanos. E con quen Washington soe ter ‘encontronazos’ de coidado, dependendo do contexto.
Agora ben, que ten todo isto que ver con Palestina, co Curdistán e co Sáhara? Pouco se o medimos dentro da mecánica incesante de intereses xeopolíticos que moven ás grandes potencias, sexan Estados ou corporacións. O foco está en observar que vai pasar con aquelas entidades que claman polo seu recoñecemento que poucos (non vou dicir que ninguén) quere ver. Que nin Biden, nin Putin, nin Xi Jinping, nin Europa nin Bill Gates nin Elon Musk entenden. Que nin queren recoñecer e nin sequera se atreven a dar un paso adiante por esas ‘causas’.
Porque, no contexto de Oriente Próximo, Washington sempre vai defender a integridade dun Estado como Israel que leva sete décadas desangrando (vía ocupación militar) e descoñecendo que Palestina existe. Como tamén o fai Occidente con Marrocos co respecto ao Sáhara (sabes algo disto, Pedro Sánchez?) Ou cos curdos, eternos aspirantes a ser un Estado que ninguén quere recoñecer. Porque hoxe se fala incluso de que Turquía planea invadir militarmente o norte de Siria para asfixiar definitivamente calquera vestixio dun Curdistán soberano, en especial co respecto a esa experiencia “autoxestionaria” que é o Roxavá curdo.
Si, houbo outros tempos onde Palestina, Sáhara e o Curdistán eran motivo de mobilizacións sociais e de solidariedade a nivel global, pedindo o seu recoñecemento como entidades soberanas pero que os grandes centros de poder mundial silencian e ocultan como se foran cómplices dun delicto. Porque a ninguén lle importa que 160 países membros da ONU recoñezan que Palestina existe. E moito menos que máis de medio centener deles fagan o mesmo co Sáhara. Nese Sáhara que desafortunadamente está ‘tocado’ por riquezas en materias primas recen descobertas como o petróleo e o fosfato na súa plataforma marítima. Materias que Marrocos xa se ocupa habilmente de manexar ao seu antoxo para ‘negociar’ (como fai Putin coa enerxía) con eses centros de poder.
E xa nin falemos do Curdistán, cuxo infortunio é ter veciños tan intransixentes como Turquía, Siria, Iraq e Irán que se ‘acomodan’ ante un silencio occidental tan flagrante como cínico. Non hai nin haberá focos mediáticos para esas causas.