Tui | O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, reuniuse co CEO do grupo Tui, Sebastian Ebel, en Madrid. O encontro marca o inicio dunha alianza entre ambas entidades para a promoción turística e patrimonial da cidade que frutificara esta primavera coa presentación dun avión co nome de “Cidade de Tui”, por parte da compañía internacional.
No encontro que mantiveron, no marco de FITUR, o CEO de Tui confirmou o compromiso da empresa, con sede en Alemaña e que opera en máis de 100 destinos, para divulgar a través da súa area de negocio todos os recursos patrimoniais e turísticos que ten o concello de Tui, entre outras iniciativas que abordarán proximamente na visita que van realizar a Tui.
Na TUI Executive Dinner o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, tivo tamén a oportunidade de trasladar á secretaria de Estado de Turismo, Rosario Sánchez Grau, as liñas de traballo que se están a realizar tanto para a promoción turística da cidade, coma para a celebración do oitavo centenario da Catedral, solicitando a súa colaboración. Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, amosa a súa satisfacción por este pasos importantes dados no traballo para a promoción turística da cidade que se deron estes días en FITUR.
Apoio de Paradores para o 800 aniversario da Catedral
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Turismo, Ana Núñez, reuníronse esta tarde coa directora de Paradores, Raquel Sánchez, e co secretario xeral, Ricardo Mar, logrando o compromiso desta entidade para a difusión, a nivel nacional e internacional, dos actos conmemorativos do 800 aniversario da Catedral de Tui, que terán lugar entre novembro de 2025 e decembro de 2026.
Paradores difundirá este destacado evento entre todos os seus clientes, así coma na propia rede de Paradores. Esta é unha primeira colaboracion entre ambas entidades, á que se poderán sumar novas iniciativas a estudar nun próximo encontro que terá lugar en Tui.
A actual directora de Paradores, Raquel Sánchez, coñecía xa o municipio porque na súa etapa de ministra aprobara a Axenda Urbana de Tui.