Os franceses nunca andiveron con ambigüidades. Que lle pregunten aos Borbóns que lle pasou ao seu parente por apropiarse de bens que non lle pertencían e deste xeito vivir por riba das súas posibilidades, mentres a plebe, nin un chusco de pan tiña para alimentarse. O verdugo, con nome de viño quinado español, Sanson, foi o encargado de rematar coa vida do rei Luís XVI en 1793. Que sorte tivo o noso Emérito de non ter nacido naquela época!
A principios de século estiven vivindo no Hexágono, así lle chaman os galos ao seu país, durante unha longa tempada e non deixaba de sorprenderme a cantidade de protestas que se levaron a cabo durante o tempo que alí pasei. A máis potente aconteceu cando o goberno de Raffarin intentou unha reforma das pensións, é dicir, traballar ata máis vello e logo recibir menos cartos. Ardeu Francia eses días, entre manifestacións e a vaga asasina de calor que acabou coa vida de milleiros de anciáns.
Na actualidade, o Movemento dos chalecos amarelos, aínda que en estado latente, seguía sendo unha ameaza para o goberno de Macron, que tiña que coidarse moito de aplicar medidas lesivas ás clases traballadores para evitar o lume e o cheiro a neumático queimado nas rúas das banlieues obreiras.
“Con estes precedentes non acababa de entender que a extrema dereita puidese dirixir o destino do país veciño. Pero, unha vez máis estiveron a altura da súa historia e cortáronlle as ás ao neofascismo”
Con estes precedentes non acababa de entender que a extrema dereita puidese dirixir o destino do país veciño. Pero, unha vez máis estiveron a altura da súa historia e cortáronlle as ás ao neofascismo, que xa desfila orgulloso e sen ocultarse polas rúas de toda Europa, polas redes sociais e as tertulias de televisión. Temos que estarlle moi agradecidos porque de non mobilizarse, de seguro produciariase unha vaga expansiva que nos afectaría non só a nós, senón tamén a unha Europa con representantes políticos cada vez máis insolidarios, xenófobos e belicistas.
En Españita, tras coñecerse o resultado das eleccións, Feijóo, ao que lle custa comprender as cousas sinxelas con moita dificultade, ten a desvergoña de aconsellar aos franceses que non se boten en mans dos extremistas. Si, o mesmo Feijoo que defende que hai que enviar os buques da armada contra os migrantes ou o que asina pactos de goberno cos que aseguran que os nenos migrantes son os que asaltan as nosas avoiñas, violan ás nosas fillas e que nos colexios públicos impártense clases de zoofilia, animando aos nenos a probar prácticas sexuais con animais.
A Faes aznariana e Miguel Ángel Beefeater xogan a ser Sanson con Núñez Feijóo. Convertérono nun macaco sen opinión propia ao que obrigan a defender posturas que o están levando directo ao patíbulo para ser decapitado. Por outra banda, e para rematar, imaxino que o movemento Sumar, tomaría nota de como en tan só 5 días, sen eternos procesos de escoita, nin vetos a persoas de recoñecida valía, os franceses foron quen de organizarse con éxito para plantarlle cara ao fascismo ao berro de: Non pasarán!