Mondariz | Cernadela, Meirol, Toutón, Vilasobroso e Gargamala. O goberno municipal de Mondariz prevé pechar estes cinco puntos verdes que entraron en servizo no pasado mandato (2015-2019). Ata agora cada parroquia dispuña dun punto verde no que a veciñanza podía deixar os restos de podas para, posteriormente, recoller estruturante para utilizar nos seus propios composteiros individuais. Agora o goberno local pretende centralizar na Escola de Música do Pé do Muíño (Riofrío-Vilar) a recollida e trituración destes restos vexetais, o que supón alonxar o servizo das persoas usuarias.
Para este proceso, o concello dispón dunha trituradora que daba servizo a estes puntos verdes e que era utilizada tamén para triturar a poda propia do concello. O obxectivo do goberno anterior era utilizar e aproveitar todos os restos de poda para devolverlle materia orgánica ao chan, evitar queimas, e contribuír a facilitar o proceso de compostaxe da veciñanza. Para o bo funcionamento do servizo de puntos verdes, o anterior goberno local reforzou o servizo coa adquisición dun camión novo dotado de guindastre.
AporM levará unha iniciativa ao próximo pleno da corporación para frear a iniciativa do alcalde e volver a utilizar os puntos verdes “xa que canto máis cerca estean dos núcleos de poboación, máis se incentiva a reciclaxe e a recuperación dos residuos”, destaca Xoán C. Montes Bugarín, Calis.
Trituradora
O portavoz municipalista tamén proporá que o Concello poña a disposición da veciñanza a trituradora da que é titular cando non estea sendo utilizada polo persoal municipal. “Cantas máis facilidades deamos aos veciños, máis colaboración haberá e máis residuos se reutilizarán, evitando así o traslado de residuos orgánicos a Sogama e axudando a dar unha nova vida aos restos de podas”.