A consolidación dun mundo multipolar, impulsada polo ascenso de potencias emerxentes e a erosión da hexemonía estadounidense, supón para Europa a oportunidade de romper con décadas de subordinación ao imperialismo norteamericano. Este contexto esixe unha reconsideración radical do papel de Europa no sistema internacional, especialmente fronte a institucións como a OTAN, que serviron para perpetuar un modelo de dominación militar e económica liderado por Estados Unidos. Europa debe emanciparse destas estruturas, abandonar a lóxica do intervencionismo e a dependencia, e redefinir as súas relacións internacionais desde unha perspectiva antiimperialista, orientada á cooperación, a xustiza global e a autodeterminación dos pobos.
“A ruptura coa OTAN é unha condición imprescindíbel para avanzar cara á independencia xeopolítica de Europa”
A ruptura coa OTAN é unha condición imprescindíbel para avanzar cara á independencia xeopolítica de Europa. A OTAN foi, historicamente, unha ferramenta de expansión militar dos Estados Unidos, utilizada para consolidar a súa influencia en Europa e para intervir en conflitos alleos aos intereses lexítimos dos pobos europeos. Desde a Guerra Fría, a súa existencia xerou unha dependencia estrutural que limita a capacidade dos estados europeos para desenvolver unha política exterior autónoma e multipolar. A saída da OTAN permitiría a Europa artellar unha política de defensa que priorice a desmilitarización, o desarmamento e a seguridade colectiva, en lugar de continuar alimentando unha lóxica belicista que perpetúa conflitos en rexións como Ucraína, Oriente Medio e o Indo-Pacífico.
Neste sentido, Europa debe desmarcarse do aliñamento automático con Estados Unidos na guerra de Ucraína, abandonando unha estratexia que exacerbou as tensións con Rusia e que responde máis os intereses xeopolíticos de Washington que aos dos pobos europeos. Unha política verdadeiramente soberana pasaría por estabelecer un diálogo directo con Rusia para negociar unha solución ao conflito baseada no recoñecemento mutuo, o desconfinamento militar e a creación de mecanismos de seguridade rexional que inclúan a todos os actores relevantes. Este enfoque pragmático non só garantiría a estabilidade en Europa do Leste, senón que tamén permitiría a Europa reconstruír relacións económicas e enerxéticas con Rusia, esenciais para reducir a súa dependencia dos Estados Unidos e fortalecer a súa autonomía estratéxica.
O rexeitamento ao imperialismo norteamericano tamén require unha reconfiguración radical das relacións económicas internacionais de Europa. O modelo neoliberal, promovido e sostido por institucións dominadas por Estados Unidos como o FMI e o Banco Mundial, perpetuou un sistema de desigualdade global e de dependencia das economías europeas respecto ao dólar e os mercados financeiros controlados por Washington. En resposta, Europa debe abrazar a desdolarización como unha estratexia fundamental para recuperar a súa soberanía económica. Isto implica explorar sistemas alternativos de intercambio financeiro e comercial, como os promovidos polos BRICS, e fortalecer alianzas con economías emerxentes do G77.
Neste proceso, os BRICS ofrecen unha plataforma estratéxica para estabelecer un contrapeso ao poder hexemónico dos Estados Unidos. Europa podería traballar con este bloque en áreas como a cooperación enerxética, a transición a enerxías renovábeis, e a creación de infraestruturas financeiras que reduzan a dependencia do sistema SWIFT controlado por Occidente. Ao mesmo tempo, o G77 representa unha oportunidade única para construír relacións máis igualitarias e de respecto mutuo co Sur Global. En lugar de replicar prácticas neocoloniais, Europa debería apostar por acordos de cooperación orientados ao desenvolvemento soberano destes países, impulsando transferencias tecnolóxicas e eliminando barreiras comerciais que perpetúan a desigualdade estrutural.
“Os BRICS ofrecen unha plataforma estratéxica para estabelecer un contrapeso ao poder hexemónico dos Estados Unidos”
Un enfoque antiimperialista tamén esixe que Europa reevalúe a súa posición fronte a conflitos internacionais onde actuou como cómplice pasivo ou activo de violacións de dereitos humanos. A cuestión de Palestina é paradigmática: a inacción europea fronte ao xenocidio perpetuado por Israel non só traizoa os valores de xustiza e dereitos humanos, senón que tamén reforza a percepción dunha Europa subordinada aos intereses dos Estados Unidos. É imprescindíbel que Europa adopte unha postura clara en defensa do pobo palestino, apoiando medidas concretas como o embargo de armas a Israel, o recoñecemento do Estado Palestino e a promoción dunha solución política baseada na súa libre autodeterminación.
No ámbito global, Europa debe distanciarse das dinámicas de confrontación promovidas por Estados Unidos, especialmente en Asia-Pacífico, onde a disputa entre China e Taiwan ameaza con desatar un conflito de dimensións catastróficas. En lugar de aliñarse coa estratexia estadounidense de contención da China, Europa debería actuar como mediadora en favor dunha resolución pacífica do conflicto entre China e Taiwán. Ao mesmo tempo, Europa ten a oportunidade de construír unha relación estratéxica con China baseada en intereses compartidos, como a loita contra o cambio climático e a transformación tecnolóxica. Isto requirirá un enfoque pragmático que rexeite as narrativas da nova Guerra Fría e aposte pola cooperación en lugar da confrontación.
“No ámbito global, Europa debe distanciarse das dinámicas de confrontación promovidas por Estados Unidos, especialmente en Asia-Pacífico”
No plano interno, a construción dunha Europa confederal e antiimperialista debe ir acompañada dun fortalecemento da marxe de manobra económica e política dos seus estados membro. Isto supón reverter as políticas de austeridade e desindustrialización que debilitaron a capacidade de Europa para actuar de maneira independente no escenario global. O investimento en sectores estratéxicos como a enerxía, a tecnoloxía (I+D+i) e a agricultura é esencial para garantir a autosuficiencia e reducir a vulnerabilidade fronte ás crises globais.
En definitiva, a transición cara a un mundo multipolar ofrece a Europa unha oportunidade histórica para romper co imperialismo norteamericano e redefinir o seu papel como un actor soberano e comprometido coa xustiza global. Este camiño non será doado, xa que implica confrontar intereses profundamente arraigados e superar décadas de dependencia estrutural.
“A transición cara a un mundo multipolar ofrece a Europa unha oportunidade histórica para romper co imperialismo norteamericano”
Porén, é o único camiño viábel para construirmos unha Europa verdadeiramente autónoma, capaz de liderar un cambio global cara a unha orde internacional máis xusta, igualitaria e solidaria. Para iso, Europa debe abandonar os seus vínculos coa OTAN, rexeitar a subordinación a Estados Unidos e abrazar unha política exterior e económica que priorice a cooperación cos pobos do Sur Global, os BRICS e Rusia, sempre desde un enfoque baseado na paz, a autodeterminación e o respecto aos dereitos de todos os pobos.