Mos | Mos celebra o seu xa tradicional Pleno Infantil conmemorativo do Día da Infancia. A iniciativa forma parte do programa municipal de actividades cos centros educativos en horario lectivo. Esta mañá celebrouse no Pazo de Mos un PLENO INFANTIL co motivo do Día da Infancia que se celebrou o pasado domingo, 20 de novembro.
Dende a Alcaldía e a concellería de Educación propúxose, como conmemoración da Convención dos Dereitos do Neno, que ten lugar o 20 de novembro, a realización dun Pleno Infantil, onde darlle voz a infancia como axentes participativos da nosa sociedade.
Durante a sesión plenaria desta mañá o alumnado do CEIP Mestre Martínez Alonso solicitou á alcaldesa decretar un día de apagón tecnolóxico para fomentar as relación interpersoais.
A cativada prouxo o 23 de decembro, primeiro día das vacacións de Nadal, como a data elixida para apagar móbiles, tablets, ordenadores, televisores e consolas e dedicarlle máis tempo aos xogos e conversas con familia e amigos.
Os obxectivos desta iniciativa son dar a coñecer ao alumnado mosense as dependencias e o funcionamento das sesións plenarias do Concello de Mos, a celebración do Día da Infancia e a conmemoración do aniversario da adopción da Declaración Universal dos Dereitos do Neno, dar voz á infancia como axentes participativos da nosa sociedade, que os participantes podan aprender de forma diferente, potenciando a argumentación e o razoamento, ademáis de observar e coñecer aspectos básicos de conversación e razoamento: diálogo, debate, organización dos puntos a tratar no Pleno, así como a traballar cooperativamente co alumnado doutros centros educativos do Concello de Mos, fortalecer o pensamento lóxico e motivar aos alumnos a través dunha experiencia real e práctica.
Participou neste Pleno alumnado de 5º de educación primaria dos centros educativos do Concello de Mos: CEIPs de Petelos, Mestre Martínez Alonso e Atín-Cela. Os CEIP de Pena de Francia e Mestre Valverde Mayo participaron con 6º de Primaria.
Cada centro educativo elixiu a 2 representantes que actuaron como voceiros do seu centro.
O tema debatido no Pleno foi o Día da Infancia: Dereitos dos/as nenos/as e A Convención sobre os dereitos do nenos é un tratado internacional que foi aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de Novembro de 1989, e ratificado por España o 30 de Novembro de 1990, tras a entrada en vigor do tratado o 2 de setembro de 1990.
O 20 de novembro celébrase, en conmemoración da aprobación do tratado, o Día Mundial da infancia, co obxectivo de recordarlle a cidadanía que os nenos e as nenas son suxeitos activos na sociedade, con dereitos de pleno como os adultos. Os docentes dos 5 centros educativos traballaron previamente o tema co alumnado nas respectivas aulas, antes da sesión plenaria.