A Cañiza | Esta iniciativa conseguiu involucrar ás familias, nenos e nenas, profesores e ao Concello nunha actividade solidaria e desinteresada para acadar alimentos con destino ao Almacén Solidario Municipal de Alimentos da Cañiza.
Os pequenos voluntariamente podían participar nunha carreira con cantas voltas puideran percorrer ata un máximo de 5. Por cada volta tiñan que doar un producto de alimentación, limpeza ou hixiene persoal.
A vontade de todos os participantes fixo posible que se recadasen máis de 1500 kilos de productos. Por este motivo, na visita ao CPI desta mañá, o Alcalde Luis Piña, acompañado do Director do Centro, Adrián De Cima, felicitou e agradeceu a todas as familias e alumnado e en especial ao profesorado do CPI da Cañiza e aos dous profesores de Educación Física de Infantil e Primaria polo esforzo na organización desta actividade.
Unha vez máis conseguimos entre todos fomentar a solidariedade e o traballo en equipo.
O Almacén Solidario Municipal de Alimentos atende na actualidade a 36 familias e está xestionado polos servizos sociais municipais que é quen tramita as altas e baixas así como a distribución dos lotes de alimentos ás familias, facilita e acondiciona os espazos onde se sitúa o almacén e vixía o cumprimento das normas hixiénico- sanitarias.