Ponteareas | O alumnado do obradoiro de emprego ‘Coidar de Nós V’ da especialidade de socio sanitaria que promove o Concello de Ponteareas acaban de comezar a súa práctica formativa no Centro Residencial de Atención a Persoas Dependentes de Vigo.
A concelleira de Emprego, Vanesa Fernández, quixo trasladar a todos e todas as participantes os parabéns do Goberno municipal polo esforzo realizado e destacou “a importancia de que dende o Concello continuemos investindo en formación para axudar ás persoas desempregadas a incorporarse ao mercado laboral”.
Os alumnos e alumnas realizarán as súas prácticas ata o vindeiro 31 de marzo para completar a aprendizaxe teórica e obter así os certificados de profesionalidade de Atención Socio Sanitaria a persoas dependentes no domicilio e institucións sociais.
O obradoiro de emprego ‘Coidar de Nós V’ forma parte do programa de formación dual no que levan participado máis de 160 persoas de Ponteareas e As Neves dende 2015 e que nesta edición apostou de novo pola atención socio sanitaria e incorporou un módulo de albanelaría, dous sectores no que hai unha elevada demanda de emprego.
Cun índice de empregabilidade do 90%, o obradoiro de emprego permite cada ano que 20 persoas accedan a un contrato de formación en alternancia a xornada completa durante 12 meses. Esta edición contou cun investimento de 50.600 euros financiados polo Concello de Ponteareas e de 504.000 euros pola Xunta de Galicia a través da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade.
‘Desafógate. Unha aventura acuática’
Chega a Ponteareas a primeira obra de monicreques deseñada en España para previr o afogamento infantil e fomentar as condutas seguras en zonas de baño, tanto en piscinas como en ríos ou praias. Da man da Universidade de Vigo e en colaboración co Concello, a sala multiúsos do auditorio municipal acolle o vindeiro 18 de marzo ‘Desafógate.
Unha aventura acuática’, unha obra de teatro dirixida a nenos e nenas de entre 5 e 8 anos acompañados dunha persoa adulta promovida polo grupo de investigación Remoss, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, ao abeiro do plan Corresponsabeis.
A actividade, que comezará ás 12.00 horas, constará de dúas partes. Por un lado, haberá unha obra de teatro dirixida e interpretada por Raquel Queizás e inspirada no conto ‘O rato con ás que aprendeu a nadar’, de Carolina Pineda del Olmo. A actividade completarase cun obradoiro para aprender a realizar a reanimación cardiopulmonar (RCP), no que se amosarán algunhas técnicas básicas que poden salvar vidas.
O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a veciñanza a participar nesta actividade que non só fomenta as condutas seguras no medio acuático, senón que tamén “sensibiliza ás familias sobre o bo uso dos espazos destinados ao baño”.
A actividade será de balde e é necesaria inscrición previa. A reserva de entradas farase a través da web Corresponsables da Universidade de Vigo por parte da nai, pai, titor, titora ou persoa responsábel dos nenos e nenas participantes.