Alumnos do Obradoiro Ocupacional de Asprodico puxeron á venda os produtos elaborados por eles


Esta fin de semana, alumnas e alumnos do Obradoiro Ocupacional de Asprodico, puxeron a venda diversos produtos elaborados por eles mesmos, nun posto situado na rúa Oriente, ás portas do Centro Social de Ponteareas.
A iniciativa busca, como fin máis importante, que os veciños e veciñas coñezan e valoren o seu traballo incrementando, dese xeito, o seu grao de autoestima persoal. Como fines secundarios, este posto de venda serve tamén para que a veciñanza coñeza un pouco máis sobre o propio centro Asprodico e, finalmente, que coa “ganancia” da venda dos seus produtos, poidan sufragar o xantar de Nadal que teñen pensado realizar o vindeiro xoves, feito que tamén incrementa o seu nivel de autoestima ao poder pagar, co seu traballo, dita actividade.
O Obradoiro Ocupacional busca que as 11 persoas que nel participan, poidan mellorar as súas capacidades cognitivas e instrutivas e de linguaxe; desenvolvemento da súa autonomía persoal e optimización das súas relacións sociais.
Para acadar tal fin, segundo explicaba a responsable deste obradoiro, Ana Belén Fernández Estévez, desenvólvense actividades variadas que abranguen apoio escolar e psicopedagóxico; rehabilitación da linguaxe-logopedia; obradoiros de horticultura, informática básica, inglés básico e manualidades; ximnasia de mantemento; pilates, cociña e repostería. A estas actividades, engádense outras específicas como obradoiros de alimentación, prevención de drogodependencias ou sexualidade, amais doutros que teñen xa carácter máis lúdico como os xogos didácticos, baile ou cine.
Para a concelleira responsable de Asprodico, Marisol Valado Pérez, a importante labor que se está a realizar neste Obradoiro Ocupacional, permitirá “que os participantes, melloren as súas capacidades persoais e lles sexa máis doada a súa inserción social e mesmo laboral”.