“Amar non é sufrir, amar é vivir”, o slogan do 25N en Salvaterra

O Concello celebrará ese día un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero

Salvaterra de Miño | Con motivo do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello de Salvaterra, a través do seu Programa de Educación e Intervención Familiar, convoca un ano máis un concurso de slogans para alumnos do IES de Salvaterra, co fin de mellorar a convivencia en sociedade transmitindo valores como a igualdade, a tolerancia, a non violencia e desmitificando estereotipos, aspectos todos eles que adoitan atoparse na base da violencia machista.

A XIV edición do Concurso de Slogans contra a violencia de xénero, ao abeiro da subvención do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade, busca frases que traten de transmitir unha mensaxe e un posicionamento claro de non aos malos tratos. Dentro das iniciativas desta campaña de sensibilización social, preténdese reunir material para facer posteriormente unha campaña de de difusión e publicidade dalgúns dos recursos que existen para abordar este problema.

O proxecto consistirá en confeccionar uns marcadores de páxinas e outros soportes onde vaia o lema ou slogan gañador do concurso e algúns números de teléfono e enderezos a onde se dirixir en caso de coñecer ou ser víctima dunha situación de violencia. Esta iniciativa constitúe un reforzo a esta campaña de sensibilización. Ademais de ser un soporte atractivo, informativo e moi útil ten unha utilidade porque fai perdurar no tempo a mensaxe, a través a difusión entre os máis novos. Con esta actividade de carácter educativo e preventivo búscase erradicar a violencia machista promovendo un cambio de mentalidade que contribúa a desmitificar estereotipos sexistas e transmitindo outros valores.

Recordemos que, ó longo do ano o Concello de Salvaterra de Miño realiza diferentes accións a través do Pacto de Estado, iniciativas e actividades dirixidas ás mulleres que se levaron a cabo como o obradoiro de mindfulness, curso de defensa persoal ou actividades de ioga e pilates entre outras. Ademais dende o Concello de Salvaterra de Miño convócase a todos e todas para participar o vindeiro luns 25 de novembro ás 12:00 horas no minuto de silencio polas vítimas que terá lugar diante da entrada do Concello.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.