América Latina: capital Madrid.

É complicado despedir este 2024. Ano de guerras sin parar, das que se falan e das que non se falan; de regresos revanchistas; de polarización constante e incesante; de desastres naturais e deshumanización; de déficit de espazos de debate, diálogo e concordia. Gaña o ruido, a agresividade, o insulto fácil, a solución mais simple a problemas difíciles. Un ano tenso, trepidante, que augura un 2025 igualmente convulso, volátil e impredicible. Estamos nun parteaugas recheio de incertezas.

Nesta última columna de 2024 voume deter nun tema que ven sendo tratado de forma prolífica nalgúns medios de comunicación en España. Din o diario El País que Madrid ten máis dun millón de latinos. De latinoamericanos, compre explicar. Ecuatorianos, venezolanos, colombianos, dominicanos, brasileiros, peruanos, cubanos, mexicanos, arxentinos, uruguaios, paraguaios, bolivianos, centroamericanos. Que nas rúas da capital española fálase máis con acentos “latinos”, que comeza a consolidarse a gastronomía latinoamericana, de ritmos musicais mais “marchosos”. De “burritos sabaneros” (típicamente venezolano) de David Bisbal como novo villancico de Nadal.

Creo, persoalmente, como venezolano de ascendencia galega, como galego-venezolano (e como diríamos en Venezuela “a mucha honra”) que esta realidade é unha boa nova en tempos de revisionismo histórico, de demagoxias políticas (de bando e bando) e de falta de debate intelectual que permita achegar posturas. Porque ao final as sociedades impoñen o seu ritmo, queren a integración, vivir en paz, ter estabilidade. É algo necesariamente irreversible, por suposto sempre respectando as identidades, as singularidades, a simbiosis do que eres e do que comezas a aprender noutro país. Porque o que chega debe necesariamente integrarse tanto ou mais como o receptor que os acolle.

“Ao final as sociedades impoñen o seu ritmo, queren a integración, vivir en paz, ter estabilidade”

Durante moitos anos os latinoamericanos creíamos que a capital “de facto” de América Latina era Miami. E penso que segue a ser así. Por moito que a inercia desa integración iberoamericana faga agora de Madrid un referente, aínda non ten o peso musical, mediático, político e cultural que ten a cada vez máis acentuada megalópolis “mayamera” desa cidade do Estado da Florida. Pero algo está a cambiar.

Por tanto é de celebrar que Madrid, como España, Portugal, Europa…sexan hoxe as receptoras dun caudal de culturas alternativas, de novas visións do mundo, dun cosmopolitismo integrador, globalizador que xa non obedece a fronteiras. E non é só Madrid senón tamén Vigo, A Coruña, Barcelona, Valencia, Sevilla, Tenerife, París, Lisboa, Roma, Ámsterdam, Istambul, Mumbai, Xangai, Toquio, Montreal, Nova Iorque ou Melbourne. E non só son os latinoamericanos senón tamén os africanos, árabes, asiáticos, eslavos, etc.

Reza o dito que “o mundo é un pano”. Tamén é un crisol de culturas, de formas de ver a vida das que podemos aprender e compartir. Bo Nadal, Felices Festas e un Próspero 2025.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.