Os recentes ataques á institucionalidade democrática en América Latina son factores que deben ser vistos con preocupación e tamén con lupa dende España. O vindeiro 1 de xullo, Madrid ocupará por quinta vez na súa historia a presidencia semestral rotativa da Unión Europea. Toda vez, este 2023 é tamén un ano electoral en España, con comicios municipais e xerais.
Comecemos por Brasil. Unha insólita repetición, neste caso en versión bolsonarista, do ataque trumpista ao Capitolio estadounidense de xaneiro de 2021 (que aínda segue a causar controversia politica e xudicial) levouse a cabo este 8 de xaneiro. Tras meses de acampadas, cortes de estradas e chamamentos “golpistas” incluso dende o exterior, milleiros de simpatizantes do ex presidente brasileiro trazaron a ruta sediciosa, ocupando violentamente os poderes públicos pedindo un “golpe militar” contra o presidente Lula da Silva, quen asumiu este cargo por terceira vez unha semana antes.
O unánime repudio global a esta tentativa de golpe non oculta que o bolsonarismo ten presenza sociopolítica: acadou un 49,1% dos votos na segunda volta presidencial de novembro pasado. Visto o visto, a polarización brasileira ameaza os cimentos dunha institucionalidade democrática xa precaria pola sucesión desde 2016 de tensións, xuízos políticos (Dilma Rousseff) lawfares (o propio Lula), aumentadas coa agresividade dialéctica do ex presidente Bolsonaro. Recompoñer a cordura será unha ardua tarefa para Lula.
“O unánime repudio global a esta tentativa de golpe non oculta que o bolsonarismo ten presenza sociopolítica: acadou un 49,1% dos votos na segunda volta presidencial de novembro pasado”
Pasemos á contorna andina. En Perú e Bolivia temos igualmente crises políticas derivadas, no caso peruano, dunha insólita tentativa de autogolpe (con reminiscencias “fujimoristas”) que terminou “golpeando” pola vía lexislativa ao ex presidente Pedro Castillo en decembro pasado. Dende entón, vívese no Perú unha reprodución moi similar á Bolivia post-Evo de 2019: novas autoridades, non se sabe se “golpistas” ou “legalistas”. A presidenta interina Dina Boularte convocou eleccións presidenciais para 2024 pero as rúas peruanas arden de protestas que, este 10 de xaneiro, deixaron decenas de mortos en varias cidades cunha vaga de represión incesante desde finais de decembro que actualmente salpica ao goberno de Boularte.
Imos á veciña Bolivia. A orde de encarceramento o pasado 28 de decembro contra o ex gobernador de Santa Cruz de la Sierra, Luis Fernando Camacho, acusado polo goberno de Luis Arce de presuntamente participar no “golpe de Estado” contra o ex presidente Evo Morales en 2019 está provocando un retorno da tensión política, con visos incluso de confrontación rexional entre a capital La Paz e esta rexión do oriente boliviano.
A tensión increméntase toda ve sectores mediáticos atizan a polarización e presuntas teorías conspirativas que pretenden facer ver a “man misteriosa” de Evo Morales e do “castro-chavismo” nas protestas peruanas polo seu apoio ao defenestrado Castillo. Por esta razón o novo goberno peruano impediu a Morales o seu ingreso no país.
Pasemos a Venezuela, menos tensa polo de agora. Noutra inédita movida política, a oposición acabou coa ficción do “interinato Guaidó” toda vez España anunciou novo embaixador en Caracas, un xesto que apunta a unha normalización diplomática por parte de Madrid. Abrirá isto o camiño para o recoñecemento de Nicolás Maduro como “presidente lexítimo”? Non é seguro pero as cartas electorais están pendentes de que esta situación poda manifestarse de cara aos comicios presidenciais 2024.
A “campiona mundial” de Qatar 2022, Arxentina, si que irá a eleccións presidenciais o vindeiro mes de outubro. Uns comicios probablemente condicionados pola decisión xudicial contra a actual vicepresidenta e ex presidenta Cristina Fernández de Kirchner de inhabilitala politicamente e enxuizala por corrupción. Isto deixa ao “post-kirchnerismo”, hoxe en mans do actual mandatario Alberto Fernández, notablemente contrariado ante a cita electoral na que volve a asomarse a figura da dereita en mans do ex presidente Mauricio Macri.
Compre tamén observar o calendario electoral rexional para este ano, que pode afrontar momentos turbulentos. A rexión ofrece unha ampla variedade de ofertas electorais: consultas constitucionais en Ecuador (5 de febreiro); plebiscitos constituíntes en Chile (14 de maio e 26 de novembro); eleccións xerais en Paraguai (30 de abril); estadais en México (4 de xuño); xerais en Guatemala (25 de xuño); primarias na Arxentina (13 de agosto) como antesala das xerais (22 de outubro primeira volta; 13 de novembro segunda volta) e rexionais en Colombia (29 de outubro)
Cruzamos “o charco” e recalamos en España. Coa mente posta na guerra de Ucraína, o goberno de Pedro Sánchez buscará relanzar a súa imaxe internacional cunha presidencia na UE que moi probablemente terá que mirar con maior atención o contexto latinoamericano. Sánchez tamén foi recentemente nomeado como presidente da Internacional Socialista, unha organización que aínda goza de notable peso no marco iberoamericano.
A presidencia española na UE buscará organizar o primeiro cumio en oito anos da UE-CELAC (Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños) así como cumios bilaterais con México e multilaterais con MERCOSUR. Integración, cooperación enerxética e comercio como focos principais, sen menoscabar que China e EEUU reproducen na rexión o seu pulso xeopolítico global. Sendo isto unha realidade, compre preguntar se España ten capacidade de influencia suficiente para impulsar unha estratexia alternativa en América Latina.
“Visto o visto en Brasil e ante o calendario electoral iberoamericano en curso, escapa España destas aventuras golpistas?”
Porque as crises políticas e institucionais e as citas electorais previstas en América Latina obrigarán a Madrid a impulsar todo tipo de alternativas que enfoquen na preservación dos equilibrios institucionais e democráticos nunha rexión con frecuencia politicamente inestable. Agora ben, visto o visto en Brasil e ante o calendario electoral iberoamericano en curso, escapa España destas aventuras golpistas?