Ames | O 14 de decembro remata o prazo para que os centros educativos inscriban os seus equipos na X edición do Club de Debate. O Club de Debate é unha actividade de dinamización lingüística dirixida a mozas e mozos de 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato e de ciclos formativos.
Os equipos que se inscriban teñen que ser mixtos e estar formados por entre 4 e 10 persoas. Haberá premios para os equipos gañadores das fases de zona e un premio final dunha viaxe multiaventura.
O Club de debate é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade, no que participan varios concellos galegos, entre eles o de Ames, en colaboración cos centros de ensino secundario. O Club consta de varias fases de competición: comarcal, zonal e galega; polas que irá pasando o alumnado despois da realización dunha xornada formativa. A xornada terá como obxectivo orientar a práctica de habilidades comunicativas co fin de activar, motivar e ofrecer recursos para a mellora das intervencións orais públicas das mozas e mozos.
A actividade consiste nun torneo de debate por equipos, no que os debates se producen dous a dous. Cada equipo terá que preparar e defender as dúas posicións respecto ao tema proposto. Os equipos gañadores de cada zona competirán na final cos procedentes doutras áreas.
O Club de Debate ten como obxectivo favorecer o uso do galego oral en contextos formais e informais. Ademais, está pensado para propiciar o desenvolvemento de habilidades comunicativas, da oratoria e das técnicas de documentación. De igual maneira, abórdanse cuestións como o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte a diversidade de opinións e do traballo en equipo.
O club de debate iniciarase no mes de decembro coa comunicación das zonas de competición e da sede dos debates. Proseguirá no mes de xaneiro e febreiro coa realización dunha xornada de formación, á que terán que asistir os membros dos equipos inscritos. Os debates da primeira fase, comarcal, desenvolveranse nos meses de febreiro e marzo. En abril, producíranse os debates da fase final.
A fase comarcal contará con dous premios, un de 500€ para o equipo gañador e outro de 300€ para o equipo que acade o segundo posto. A fase final entregará un premio dunha viaxe multiaventura dunha fin de semana, na que se incluirán contidos culturais e lingüísticos.
Inscricións dos centros de ensino
O Club de debate está dirixido a mozas e mozos de 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato e de ciclos formativos. Os equipos que se inscriban teñen que ser mixtos e estar formados por entre 4 e 10 persoas. A inscrición estará aberta dende o 14 de decembro, os equipos interesados teñen que cubrir este formulario para formalizar a súa inscrición.