Ames celebrará o concurso Galetiktokers

O prazo de inscrición remata o 19 de novembro
Nesta edición poderá participar rapazada a partir dos 13 anos de calquera parte do mundo.

Ames | Gravar un vídeo onde teña presenza o galego e subilo a Tik Tok este é o único que ten que facer a rapazada para participar no Galetiktokers. Son dous sinxelos pasos para acadar os obxectivos da segunda edición do certame que van dende estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas ata darlle visibilidade á crecente comunidade galega na rede social TikTok.

Nesta edición poderá participar rapazada a partir dos 13 anos de calquera parte do mundo, enviando o seu vídeo e esta ficha de participación ao enderezo electrónico galetiktokers21@gmail.com. Entre os participantes repartiranse catro premios de 150 euros nunha gala que se celebrará o 16 de decembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Os departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames únense por segundo ano consecutivo para buscar o talento da xente moza e para espallar a nosa lingua en Tik Tok. Conseguir esas dúas premisas é tan sinxelo como gravar un vídeo de entre 15 e 60 segundos e subilo ás redes sociais e, ademais, facelo ten premio.

Quen pode participar?
No certame poden participar mozos e mozas a partir dos 13 anos, repartidos en dúas categorías en función da idade. A primeira categoría inclúe á rapazada dos 13 aos 16 anos (ambas as idades incluídas) e a segunda engloba a mocidade a partir dos 17 anos.

Como novidade da presente edición, pode participar calquera persoa, sen ter que ser veciño ou veciña do concello.

Cales son os premios?
O concurso reparte catro premios de 150 euros, dous por categoría de idade. Dous dos premios decidiraos o xurado que se nomee e os outros dous escolleraos o público, dado que serán para as pezas audiovisuais con máis “gústame” no perfil de Instagram da OMIX de Ames (@omixames).

Como teñen que ser os vídeos?
Os vídeos creados para esta segunda edición do certame Galetiktokers teñen que estar en lingua galega, e deben ser de creación propia a través da aplicación TikTok, cunha duración de entre 15 e 60 segundos. Será obrigatorio que a lingua teña presenza, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical. A temática é libre, polo que terán cabida no concurso pezas relacionadas coa música, co humor, co baile, coa interpretación, co deporte… ou con calquera outro tema. Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

Cal é o prazo para inscribirse?
Para participar no certame, cómpre enviar ao enderezo electrónico galetiktokers21@gmail.com a seguinte ficha de participación cuberta e asinada, ademais do propio vídeo que se presenta no concurso. O prazo de inscrición rematará o 19 de novembro de 2021. A organización comprobará que se cumpren os requisitos e validará a inscrición a través dun correo de confirmación.

Como é o proceso de votación?
Todas as pezas admitidas subiranse ao perfil de Instagram da OMIX de Ames (@omixames), co cancelo #galetiktokers. O prazo de votación para determinar os premios do público será entre o 23 e o 30 de novembro ás 23:59 horas. Para poder votar será necesario seguir o perfil de Instagram da OMIX de Ames.

Cartaz do evento.

O Concello de Ames reserva o dereito de empregar os vídeos participantes na promoción do proxecto Galetiktokers en calquera das súas edicións. As pezas, así como o seu título e autoría, faranse públicas. Os datos persoais facilitados polas persoas participantes terán como única finalidade a participación no certame e procederase á súa eliminación unha vez se resolva esta convocatoria.