Ames inaugura o espazo colaborativo “A Proa”

Espazo de traballo para impulsar iniciativas emprendedoras
“A Proa” é un espazo de traballo colaborativo que ten como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego.

Ames | O alcalde de Ames, Blas García, presenta o espazo de traballo colaborativo este mércores 10 de novembro, ás 11:00 horas. Situada á entrada do parque empresarial Novo Milladoiro, “A Proa” recibiu un forte investimento do Concello de Ames. Asistirán á inauguración Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica, e José Miñones, ex-alcalde de Ames.

“A Proa” é un espazo de traballo colaborativo que ten como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. En instalacións coma esta, persoas autónomas e emprendedoras comparten espazos, fomentando así as sinerxías, a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.

“A Proa” localízase na entrada do parque empresarial Novo Milladoiro. O local, de 400 metros cadrados, conta con 36 postos de traballo, tres salas de xuntas, aulas de formación e eventos, unha zona de recepción, outra de reprografía, de descanso, aseos e un vestíbulo.

Forte investimento
A compra do ben inmoble supuxo un investimento de 475.206 euros. A adquisición do local realizouse con fondos propios do Concello e co financiamento da Deputación da Coruña, que achegou uns 200.000 euros a través dun convenio asinado co Concello de Ames.

O resto das actuacións necesarias para poñer en marcha este espazo colaborativo tales como unha APP de xestión do espazo, a asistencia técnica para a posta en marcha do inicio do espazo, un sistema de conexión de datos WIFI, o mobiliario e unha pantalla interactiva foron financiados con fondos propios e coa EDUSI Impulsa Ames, cofinanciada con fondos FEDER.

Aposta polo emprendemento audiovisual e tecnolóxico
As instalacións “A Proa” están especialmente pensadas e orientadas cara ás novas apostas de emprendemento nos sectores do audiovisual e da tecnoloxía, reservando os seus postos a dous tipos de proxectos. Por unha banda, as usuarias e usuarios en fase de preincubación, é dicir, con iniciativas empresariais previas á posta en funcionamento, e por outra, as empresas en fase de incubación, con menos de dous anos de antigüidade.

O prazo máximo de uso dos espazos para os proxectos en preincubación será de 12 meses, mentres que para os que estean en fase de incubación será de 18 meses, cun máximo de tres postos de traballo por proxecto. De así desexalo, establecerase unha prórroga de seis meses, previa solicitude xustificada. No caso dos usuarios e usuarias puntuais, poderán solicitar a aula de formación e eventos, co fin de realizar accións vinculadas á súa actividade empresarial ou ao emprendemento.

O Trouleando de novembro propón unha actividade de xogos de escapismo
Pola súa banda, a Concellaría de Mocidade ten programada para o sábado 27 de novembro unha nova actividade do programa Trouleando.

Será unha xornada de xogos de escapismo que conxuga diversión, aventura en equipo e moito misterio.

O prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto do 11 ao 17 de novembro. Para inscribirse hai que enviar a ficha cuberta a omix@concellodeames.gal.

As prazas, que son limitadas, cubriranse por orde de chegada das inscricións. Esta actividade é de balde e está organizada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).

Os/as participantes poderán adentrarse nunha historia onde eles/as mesmos/as son os/as verdadeiros/as protagonistas e terán que utilizar toda a súa capacidade para resolver as encrucilladas que a historia lles pon no seu camiño utilizando o traballo en equipo, a comunicación e o enxeño.

A rapazada trouleará nun centro de ocio escape room a través de tres xogos con diferentes ambientacións e cheos de retos para que os equipos gocen dunha experiencia única nun entorno que estimula a súa capacidade de análise e dedución.

Cartaz do evento.

A actividade realizarase en dúas quendas. A primeira quenda sairá ás 15:00 horas do Pazo da Peregrina (Bertamiráns), con regreso ao mesmo punto ás 17:00-17:15 horas. A segunda sairá da Casa da Cultura do Milladoiro ás 17:30, con regreso no mesmo lugar ás 19:30-19:45 horas. Os participantes menores deben ser recollidos na parada polos pais/nais/titores-as ou representantes legais.

A xornada de scape room está aberta aos/ás mozos/as empadroados/as no Concello de Ames, dende os 12 anos cumpridos (nados en 2009). Para participar hai que cubrir a ficha de inscrición e enviala a omix@concellodeames.gal. O prazo para inscribirse é entre o 11 e o 17 de novembro. As prazas son limitadas (por orde de chegada ata completar o aforo das salas).

Será preciso contar cun mínimo de 15 mozos/as para desenvolvela actividade, en caso contrario, o Concello de Ames, poderá anular a actividade. Calquera dúbida pódese contactar coa OMIX no correo electrónico omix@concellodeames.gal.