Ames | O expediente de contratación do servizo de monitores dos programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar do Concello de Ames vai ao pleno deste xoves 2 de setembro para a súa aprobación. O orzamento base de licitación para a duración inicial do contrato ascende a 3.098.144 €.
A conciliación da vida laboral e familiar converteuse nos últimos anos nunha necesidade para boa parte da sociedade. A incorporación da muller ao mundo laboral, o aumento da esperanza de vida, así coma, o incremento do número de familias monoparentais obrigan a empresas e administracións a tomar partido.
Dende o Concello de Ames levan dende principios do século XXI facendo unha aposta clara pola conciliación da vida laboral e familiar cunha ampla rede de servizos complementarios á educación.
Os “Comedores Escolares”, o servizo “Bos Días Cole” e “Tardes Divertidas” son proxectos educativos promovidos polo Concello de Ames para propiciar a conciliación entre a vida laboral e familiar, integrados no servizo municipal CONCILIAMES. Estes servizos desenvólvense nos 5 centros escolares do concello (CEIP de Agro do Muíño, CEIP de A Maía, CEIP de Barouta, EEI de Milladoiro, CEP de Ventín) e nas escolas unitarias de Ortoño e Covas (EEI A Igrexa e EEI de Covas), que se incorporaron recentemente ao programa.
Os contratos que permitían prestar estes servizo remataron en xuño do ano 2020. Por iso o Goberno Municipal eleva ao Pleno para a súa aprobación o expediente de contratación mediante procedemento aberto regulación harmonizada, tramitación anticipada, varios criterios de adxudicación, o servizo de monitores dos programas municipais de conciliación de vida laboral e familiar do Concello de Ames.
A duración inicial do contrato é de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos. O orzamento base de licitación do contrato ascende a 3.079.797 €, máis 18.347 € de IVE (10%), o que fai un importe total de3.098.144 €. Deste importe 1.549.072 € corresponden á anualidade de 2022 e outros 1.549.072 € ao 2023. En canto ao valor estimado do contrato este ascende a 8.777.421 €.
O contrato divídese en tres lotes claramente diferenciados. Un para o servizo de monitores do servizo complementario de educación “Comedores Escolares” e para realizar actividades de lecer antes e/ou despois da comida. Un segundo lote para o servizo de monitores para o coidado e atención dos nenos, para realizar actividades de lecer e para o almorzo do servizo “Bos Días Cole”. E por último, un lote co servizo de monitores, para realizar actividades de lecer e coas merendas do servizo complementario de educación “Tardes Divertidas”.
Criterios de adxudicación
A adxudicación do contrato vaise realizar en base a criterios obxectivos e subxectivos. Entre os criterios obxectivos vanse avaliar, ata un máximo de 55 puntos, criterios coma o prezo ou a formación dos profesionais. Para a valoración dos criterios subxectivos a empresa deberá presentar un Proxecto Pedagóxico onde se valorará a calidade do servizo que se pretende prestar e un cronograma que recolla a organización concreta do servizo adaptada á realidade de cada un dos comedores escolares do Concello de Ames.
Este cronograma recolle, entre outros, a organización da recollida e entrega dos nenos, unha análise dos riscos ou cal vai ser o procedemento operativo e funcional durante a hora da comida, merendas ou almorzos. Os criterios subxectivos evaluaranse ata un máximo de 45 puntos.
Necesidade real
Ames é un concello cunha poboación moi nova. Dos 31.278 habitantes censados en 2018, o 46,09% ten menos de 40 anos polo que os servizos complementarios de educación postos en marcha polo Departamento de Educación do Concello de Ames se fan imprescindibles.
O número de usuarios dos servizos complementarios non fixo máis que aumentar nos últimos anos. Pasando dos 1.204 usuarios do curso 2018/2019 matriculados no servizo “Rede Municipal de Comedores” aos 1.366 do curso 2019/2020. Este aumento en 162 usuarios fai prever que no curso 2021/2022 o número de matriculados chegue aos 1.526.
A mesma tendencia á alza obsérvase no servizo de Bos Días Cole e no de Tardes Divertidas. No curso 2018/2019 foron 315 os alumnos matriculados no Bos Días Cole, pasando a 344 no curso 2019/2020 co que se prevé un ascenso en 29 alumnos ata acadar os 373 para o vindeiro curso 2021/2022.
No caso do servizo de Tardes Divertidas en 2018/2019 houbo 180 matriculados, un número que se incrementou ata os 212 en 2019/2020. Dito aumento fai prever que no curso 2021/2022 cheguen aos 243; 31 máis.
Ademais, a previsión a curto prazo do aumento de 6 unidades máis de primaria no CEIP de Agro e a construción dun novo CEIP no Milladoiro fai pensar nun evidente aumento no número de usuarios dos servizos complementarios de educación.
Todos os detalles da licitación foron presentados, esta mañá, polo concelleiro de Educación, David Santomil e pola técnica de Educación Rosa García, destacando o importante incremento orzamentario realizado.
O concelleiro de Educación, David Santomil, destacou: “Blindamos a prestación dos programas de conciliación ata o final deste mandato, coa posibilidade de prórrogas. Acadáse unha cifra récord que supera os tres millóns de euros na licitación dos tres lotes e que permite garantir e dar servizo de forma integral ás necesidades de conciliación das familias para os próximos catro anos.
Destacar tamén, que todos os servizos intégranse baixo o paraugas da nova marca Conciliames.gal que fai de Ames un concello de referencia neste ámbito.”
Ames Radio abre unha nova convocatoria de Radio Cidadá
Ames Radio pon un ano máis os seus micrófonos a disposición da cidadanía para a elaboración de programas de radio. Calquera persoa, asociación ou entidade pode presentar os seus proxectos desde hoxe e até o día 21 de setembro enviando a ficha de solicitude ao correo electrónico radio@concellodeames.gal.
Esta tempada, por mor da situación sanitaria que estamos padecendo, e aínda que nos proxectos poderán participar até cinco persoas, só poderán acudir á emisora dúas por programa, será obrigatorio o uso de máscara nas instalacións e o mantemento da distancia de seguridade. A emisora municipal pola súa banda garante as condicións hixiénico sanitarias nos procesos de gravación.
Poderán presentar propostas para a grella de Radio Cidadá asociacións e entidades do concello e calquera persoa maior de 18 anos ou de 16, neste último caso baixo a responsabilidade de algún dos seus proxenitores ou titores.
Aceptaranse proxectos presentados por entidades, asociación ou persoas non empadroadas no concello sempre que as súas propostas resulten de interese para o municipio amesán ou estean protagonizadas por persoas residentes, nadas ou que traballen en Ames. Cada proxecto deberá ser presentado por unha persoa coordinadora que deberá ter un mínimo de 18 anos de idade.
Os interesados e interesadas deberán cubrir un modelo de solicitude indicando o título, obxectivos e descrición do programa, temas e público ao que vai dirixido, periodicidade, duración e día e hora de emisión suxerido. Ames Radio pon a disposición da veciñanza o seu espazo físico, o equipamento e o persoal técnico necesario para a gravación dos programas seleccionados nos días e horas que se determinen.
A emisión dos mesmos farase en función da grella de programación que aprobe a Comisión Asesora de Comunicación do Concello de Ames, aínda que se procurará respectar no posible as propostas de emisión das persoas ou entidades propoñentes.
Medidas de seguridade
Nos proxectos poderán participar até un máximo de cinco persoas. Porén, nesta ocasión e por mor da pandemia da COVID19 só poderán estar presentes nas instalacións da emisora para a gravación do programa dúas persoas de cada vez, sempre usando a máscara e respectando a distancia de seguridade.
Ademais, as/os participantes non poderán acudir á emisora no caso de que detecten sintomatoloxía compatible coa enfermidade (febre superior a 37,5 graos, tose seca, dificultade respiratoria, fatiga severa, dor muscular, falta de olfacto, falta de gusto e diarrea) en calquera membro da unidade familiar ou de convivencia á que pertenza.
Pola súa banda, a emisora municipal garante para o desenvolvemento da actividade a limpeza de todas as superficies e instrumentos cos que se poida entrar en contacto, a distancia de seguridade fixada polas autoridades nun metro e medio e a desinfección de mandos e micrófonos tanto no momento de entrega como no de recepción.
A concelleira de Comunicación, Natividade González anima á veciñanza a presentar as súas propostas: “Logo de vernos na obriga de suspender a anterior convocatoria, por mor da situación sanitaria, animamos este ano máis que nunca a toda a veciñanza a participar deste magnífico proxecto, unha proposta creativa e singular pois son poucos os medios de comunicación desta índole que abren os seus micrófonos á participación da cidadanía. Estamos moi orgullosos e podemos gabarnos de que a nosa grella se enriquece amplamente con estas achegas”.
O proxecto de Radio Cidadá comezou a súa andaina no ano 2017. Desde entón materializáronse a través desta convocatoria máis de trinta propostas de distintas temáticas, dirixidas a variados segmentos de poboación. Programas sobre literatura, historia local, distintos xéneros de música, relixión, humor, ecoloxía ou educación compuxeron a grella de Radio Cidadá ao tempo que enriqueceron a programación global da emisora.
Programas como “Tangos de la esquina Sur”, “Vivirnos nun mundo finito”, “De Museo”, “Miradas” ou Pais na onda” levan emitíndose desde o principio do proxecto.
Ames Radio acredita a participación e o servizo das persoas colaboradoras coa radio municipal mediante un diploma.
Para calquera dúbida os interesados/as poden poñerse en contacto con Ames Radio a través do correo electrónico radio@concellodeames.gal ou o teléfono 981 890 452.