Ourense | A Xunta destaca o traballo da Fundación Amigos de Galicia na inserción laboral de ducias de persoas na cidade de Ourense. O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou aos participantes dos cursos de preparación en competencias básicas realizados por esta entidade.
Trátase da terceira edición deste curso preparatorio, que forma a unha trintena de persoas en materias como Lingua Castelá, Lingua Galega, Matemáticas e Inglés de maneira totalmente gratuíta. As sesións formativas teñen lugar no centro cívico da Ponte dous días á semana durante tres horas cada día.
Ademais destes cursos en competencias clave, a Fundación Amigos de Galicia tamén imparte formación en competencias dixitais e ofimática. A Xunta de Galicia colabora a través das axudas a entidades sociais e da orde con cargo ao 0,7% do IRPF.
Nas últimas convocatorias o Goberno galego concedeulle a esta entidade 545.000 euros para a realización de programas de inclusión social.