Salceda de Caselas | A pasada semana deron comezo as obras do proxecto de saneamento dos barrios da Ataúde e A Arrotea, na parroquia da Picoña, que lle vai permitir a 15 casas contar con este servizo esencial.
Os últimos detalles revisáronse a pé de obra coa alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, a empresa constructora, a empresa redactora do proxecto, e o xerente do Consorcio do Louro.
Prevese a construción dun colector de 491 metros de lonxitude conectado á rede existente actualmente na zona, e que se realizará na súa totalidade a través de terreos de titularidade pública.
O proxecto, que conta cun orzamento de 110.898,73 €, foi adxudicada polo Consorcio do Louro a Construcciones Castro, ten un prazo de execución de 3 meses e será executada cos fondos do Consorcio de Augas do Louro dentro do libro de ruta para a construción de novos tramos de saneamento nos catro Concellos (Salceda, Mos, Porriño e Tui)
O proxecto supón un novo paso na consecución do saneamento integral de Salceda, lembrando dende o equipo de goberno que unha das súas prioridades para esta lexislatura será precisamente avanzar cara ao desexado saneamento integral, buscando para elo a colaboración das diferentes administracións, pois resulta materialmente imposible executar estas obras con fondos propios do Concello.
O equipo de goberno segue deste xeito a dar pasos no cumprimento do pacto de investidura asinado con PSOE e BNG, no que se recolle tamén a importancia de seguir a ampliar a rede de saneamento do Concello.