A Pobra do Caramiñal | Que hai no nome dunha persoa, nun apelido, no nome dun lugar? Que nos din de nós como persoas e como sociedade e que legado nos transmiten estas palabras? A filóloga Ana Boullón ingresou hoxe na Real Academia Galega cun discurso centrado en dar resposta a estas e outras preguntas arredor da onomástica baixo o título Todos os nomes: identidade, pobo, país.
A profesora da Universidade de Santiago de Compostela, investigadora de referencia neste campo de estudo, profundou na vertente lingüística e mais na dimensión social de nomes, apelidos e topónimos nun acto que se desenvolveu no Teatro Cine Elma da súa localidade natal, A Pobra do Caramiñal. A nova académica rendeulle homenaxe á súa terra na listaxe de nomes da infancia co que pechou o seu discurso. Nomes propios, apelidos, alcumes ou topónimos que demostran que a través deles trazamos as biografías propias e colectivas, afirmou.
“Eu non son ourive da linguaxe, pero creo que cada un de nós somos quen de crearmos a nosa biografía xeográfica, individual, familiar e colectiva, con nomes e apelidos, hipocorísticos, alcumes, formas de tratamento, topónimos, nomes comerciais, xentilicios, festivos, zoónimos. É posible así representar o pasado compartido, as persoas, as paisaxes vividas”, concluíu.
Ana Boullón ofreceu unha síntese do que representa a onomástica galega, o campo ao que ten dedicado a maior parte dunha traxectoria investigadora na que tamén destacan os seus traballos de lexicografía ou de edición de textos medievais. E fíxoo tomando o título do seu discurso da novela de José Saramago Todos os nomes (1997), porque a historia do Nobel portugués –na que non se cita nome ningún agás o do seu protagonista, o do señor José, traballador do rexistro civil– “en certa maneira reflicte a situación de ocultación de nomes que afectou o noso país”.
“A despersonalización burocrática, a indefensión ante o poder e a identidade son asuntos que atinxen directamente á onomástica», apuntou a especialista, que recordou que todos estes nomes son parte «do noso patrimonio inmaterial”.
A filóloga, que se doutorou en 1994 cunha tese sobre antroponimia medieval galega, centrouse primeiro nos nomes de persoas poñendo o foco nos máis frecuentes na Galicia da Idade Media para logo analizar a súa evolución nas últimas décadas, os factores que inflúen na súa elección, difusión e popularización e a presenza de nomes exclusivamente galegos.
A perspectiva histórica aplícaa tamén no seu discurso de ingreso na RAG ao caso dos apelidos, no que se detén tamén no fenómeno da castelanización e as trabas administrativas para restaurar as formas deturpadas; e por último abordou o caso dos topónimos, protexidos pola lexislación pero tampouco exentos de ataques, «agora tamén na cartografía en Internet».
As trabas burocráticas á pluralidade lingüística
A lexislación española actual permite acomodar os nomes e apelidos ás linguas cooficiais mediante unha simple declaración de vontade. E malia existir un dicionario de nomes propios co aval académico e que a propia Real Academia Galega publicou un manual coas formas estándares dos 1.500 apelidos máis frecuentes –coordinado pola nova académica– para facilitar o trámite do funcionariado do Rexistro, aínda persisten trabas burocráticas. Non adoita haber maiores problemas cos nomes propios, pero en ocasións os cambios dos apelidos son rexeitados en primeira instancia e enviados para a súa resolución á Dirección General de Seguridad Jurídica y Fe Pública do Ministerio de Justicia, recolle Ana Boullón no seu discurso, no que lamenta que este departamento adoite rexeitar a restauración á lingua orixinaria dos apelidos castelanizados que contan cunha forma equivalente en español, como poden ser Martíns /Martínez ou Lousada /Losada, argumentando que a forma castelán pertence ao acervo nacional e que, por ese motivo, non é susceptible de adecuación ortográfica a outras linguas do Estado. “Parece que esa dirección xeral comprende o significado da pluralidade lingüística do Estado dunha forma excluínte para as linguas distintas do español.
Nesas ocasións, os usuarios tiveron que recorrer a un procedemento de cambio de apelido, máis longo e tamén máis lesivo desde o punto de vista simbólico, pois non se trata de cambiar un apelido por outro, senón de restituír a forma correcta en galego estándar”, subliña a especialista.
Resolucións administrativas coma estas esquecen a discriminación lingüística que se mantivo legalmente ata a fin do réxime franquista e que se traduciu no chamado “colonialismo onomástico”.
“Cando a finais do s. XVI o galego desapareceu como lingua instrumental de toda a documentación escrita, unha parte importante dos apelidos foi traducida e outra parte sufriu interferencias fonéticas ou morfolóxicas do castelán. Esa castelanización forzosa tivo como consecuencia que, a día de hoxe, no corpus dos apelidos de Galicia se contabilice unha porcentaxe importante de formas españolas (19%) e híbridas (7%). A magnitude porcentual da presenza foránea non se pode atribuír a ondas inmigratorias procedentes de Castela, a desproporción explícase só por ese proceso forzoso de tradución”, analiza Ana Boullón.
No caso dos nomes propios, a práctica desaparición das formas galegas veuse ademais alimentada pola restrición da liberdade de nomear, establecida tamén no século XVI, tras o Concilio de Trento, cando a Igrexa Católica obrigou a que os nomes que se tirasen da relixión.
“As novas devocións escribíanse directamente en castelán e os nomes medievais foron traducidos. Estas disposicións eclesiásticas determinaron a nominación practicamente ata finais do século XX. O lapso máis significativo ocorreu durante a II República, pero iso durou pouco. Unha das primeiras disposicións lexislativas do réxime de Franco, do 9 de febreiro de 1939, foi derrogar a lexislación republicana do rexistro civil”, contextualiza a filóloga.
Nomes propios, identidade e a creatividade galega
Ana Boullón reflexionou sobre a relación entre a onomástica e a identidade en diálogo con distintas voces especialistas no tema como a escandinava Emilia Aldrin, quen apunta que cando as nais e os pais escollen un nome non só reproducen certas estruturas e significados sociais, senón que se comprometen activamente na creación delas.
“Esta actitude activa é perfectamente visible no corpus dos nomes galegos, onde desde finais dos século pasado non paran de crecer as novidades onomásticas: nomes persoais tirados da toponimia (Avia, Adai, Dubra, Irimia, Ézaro, Eume, Antela, Cíes, Navia, Aloia, Sarela, Deva), da haxiotoponimia (Comba, Cidre, Baia, Icía/Sía, Xes/Xenxo), literarios (Loaira, Leilía), medievais (Aldara, Aragonta, Airas, Roi), do léxico común (Lúa, Ledicia, Arume, Alborada, Arela), inspirados na historia de Galicia (Suevia, Celtia), hipocorísticos (Fuco, Nela, Xonxa, Catuxa, Xela, Xandre) e mesmo hipocorísticos de nomes recentes como Breo (de Breogán).
sta excepcional creatividade dáse en Galicia só cos nomes especificamente galegos, non cos doutras afiliacións lingüísticas”, compara.
Mentres que no conxunto do século XX a gran maioría dos nomes propios que se puñan en Galicia eran distintivamente españois (José, Carmen, Jesús, Josefa…), hoxe os nomes galegos representan o 15%, por riba das formas españolas, se ben os maioritarios seguen a ser os comúns (aínda que en lixeiro descenso), “o que tamén é significativo en canto á identidade, pois son eleccións que buscan, consciente ou inconscientemente, non decantarse para un ou outro idioma”.
Toponimia
No apartado do discurso dedicado á toponimia, Ana Boullón tamén se detivo nos procesos de deturpación tomando, entre outros exemplos, o caso da súa vila natal, A Pobra do Caramiñal, onde a restitución da forma galega atopou no seu momento certa contestación veciñal. “O argumento popular non era a defensa da castelanización da toponimia, senón simplemente “dise Puebla de toda a vida”.
Compárase a vida dunha persoa coa vida dunha lingua, coa historia dun pobo que aí habita desde hai moitos séculos. É froito dunha estratexia que se ten chamado “silencio toponímico”: coa retirada da toponimia orixinaria preténdese crear na poboación unha nova percepción da situación lingüística, cultural e política. Os nomes de lugares, como se ve, implican valores e tamén comportan relacións de poder”.
Pero ademais de chegar a converterse en instrumentos de poder, «os topónimos son tamén sinais sociais de pertenza a un grupo e, transmitidos oralmente de xeración en xeración durante centos ou milleiros de anos no lugar onde foron creados, representan a parte máis viva do patrimonio cultural humano», expresa Ana Boullón. A pegada dos nomes da terra remóntase, de feito, en Galicia moitos séculos atrás.
“Os topónimos prerromanos, habilitados cando aínda estaba viva a lingua falada polos seus habitantes, antes da xeneralización do latín, representan unha porcentaxe moi significativa no total da macrotoponimia de Galicia, aproximadamente o 10% das formas, e distribúense en maior proporción por toda a costa”, detalla.
Hoxe toda esta riqueza está protexida pola Lei para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial (2015) tras recoller a reivindicación da Real Academia Galega, recordou a académica, que rematou o seu discurso cunha referencia á relación entre a onomástica e a literatura. “As pedras sobre as pedras e sobre as pedras / un nomea amado, dicía Xela Arias. Un nome amado, vivido, sentido, lembrado, cen nomes, mil nomes, todos os nomes”, concluíu.
O legado de Franco Grande
Ana Boullón ocupa desde hoxe a cadeira que quedou vacante tras o pasamento de Xosé Luís Franco Grande (Tebra, Tomiño, 1936 – Vigo, 2020), a quen lembrou na primeira parte do seu discurso non só como poeta, senón sobre todo como o lexicógrafo que escribiu o dicionario galego-castelán saído do prelo por primeira vez en 1968, un grande éxito durante moitos anos que a propia académica empregou decotío como estudante de Filoloxía. Anos despois, ela mesma, xunto a outros colegas, participaría no proxecto do Dicionario normativo editado por Galaxia en 1988, un dos distintos dicionarios monolingües publicados tras a aprobación das primeiras normas oficiais da lingua galega.
“Foi a continuación da empresa que retomara Franco Grande, e antes del, Leandro Carré Alvarellos (1928-1931), quen ocupou esta mesma cadeira na Academia, don Eladio e a Academia (1913-1928), por citar os dicionarios máis importantes. E agora a RAG continúa co seu dicionario en liña, para toda a sociedade. Formamos parte dunha cadea na que Xosé Luís Franco Grande constituíu un dos elos máis rexos”, subliñou.
Ramón Lorenzo, encargado de darlle resposta ao discurso de Ana Boullón, tivo tamén palabras de afecto para o seu amigo Franco Grande e para a nova académica, cuxa tese de doutoramento dirixiu. “Alégrame que entre na Academia unha nova voz feminina, porque isto demostra o moito que as mulleres están aportando á cultura galega en xeral e, no caso de Ana, á filoloxía e á lingüística galegas. É unha honra para a RAG avanzar no proceso de igualdade no número de membros que a integran”, expresou.
O académico salientou a “gran capacidade de traballo” e a “firmeza na defensa das ideas” da investigadora; e repasou parte dos seus méritos no campo da lexicografía, a edición de textos medievais, a lingüística histórica e a onomástica, campo este último no que traballa activamente desde o seminario desta especialidade da Real Academia Galega desde o ano 2012, cando foi elixida académica correspondente.
Biografía de Ana Boullón: https://academia.gal/documents/35271/228920/2021211-RAG-BIO-ANA-BOULLON-AGRELO.pdf