Aldea Global/BNG | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo un encontro coa comunidade galega de Suíza, á que animou a apostar polo cambio en Galiza dando o seu apoio ao BNG para que Ana Pontón sexa a vindeira presidenta da Xunta.
“Se o BNG acada o goberno da Xunta temos o firme propósito de prestar especial atención aos problemas da nosa emigración na Suíza para resolver, despois de moitos anos, as peticións que a comunidade galega continúa a reclamar”, manifestou.
Ana Miranda mencionou diversas propostas do Bloque para dar resposta ás necesidades da colectividade galega. Así, comentou que se o BNG goberna prestará máis atención ás dificultades que teñen os galegos e galegas para homologar os títulos de Formación Profesional, para reducir os longos tempos que pode durar o proceso de homologación.
“É necesario resolver esta dificultade que empeora a entrada dos galegos e galegas no mercado laboral suízo”, sinalou no transcurso do acto, no que tamén participaron o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, o alcalde de Xenebra, Alfonso Gómez, e representantes de diferentes asociacións culturais de Suíza.
A eurodeputada nacionalista considerou fundamental resolver tamén os problemas relacionados coa xestión da documentación, a información laboral e o acceso ás diferentes axudas, polo que defendeu que a Xunta de Galiza cree unha oficina permanente e física que poida asesorar á comunidade galega “dun xeito máis próximo, máis rápido, máis humano e na nosa lingua”, apuntou.
Por outro lado, Miranda subliñou que a Xunta de Galiza debería prestar atención ás demandas do colectivo de persoas emigrantes en materia fiscal. Neste senso, defendeu que o goberno galego debe facer unha reclamación decidida ao goberno central para acabar coa discriminación fiscal que sofren os e as emigrantes galegas que no caso de retornar están obrigadas a ter unha dobre tributación, do mesmo xeito que sofren tamén un trato diferente no que ten que ver no importe exento de declaración da renda.
“Desde o BNG, ademais de comprometernos a prestar atención as demandas da comunidade galega en Bruxelas tamén nos comprometemos a cumprir os acordos aprobados, non como actualmente fai o PP”, manifestou a eurodeputada nacionalista, en referencia á aprobación por parte do Parlamento galego de realizar os trámites necesarios para que a CRTVG emita a través das súas canles dixitais con cobertura internacional, así como permitir o acceso gratuíto á nosa sanidade pública aos galegos e galegas retornadas que non tivesen cotizado nin en Galicia nin en España.
“Pese a ter aprobado estes dous puntos, na realidade nada se sabe deles”, denuncia Miranda, que trasladou o compromiso do BNG “non só de prestar atención ás necesidades e problemáticas dos galegos e galegas, senón por suposto, de cumprir os acordos acadados”, salientou a nacionalista, que participou no encontro coa emigración galega en Suíza tras facer unha visita á exposición “Taxi Compostelle”, na cidade suíza de Delémont.