Bos Aires/BNG | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e membro do grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, denuncia que a parálise da exhumación de Franco acordada polo Tribunal Supremo incumpre a Resolución contra o avance do fascismo en Europa que aprobou a Eurocámara o pasado 25 de outubro. Miranda salienta que esta Resolución é a ferramenta necesaria “para poñer freo ao fascismo”, que no Estado español se manifesta “baixo o franquismo sen Franco”.
“Lamentablemente esta decisión prodúcese o mesmo día que o investigador Carlos Babío recibe unha segunda denuncia por parte dos descendentes do ditador”, critica a eurodeputada do BNG, quen denuncia a impunidade coa que actúa a familia Franco fronte aos datos históricos contrastados que demostran que boa parte da súa fortuna procede do espolio que levou a cabo o ditador. “É intolerable”, subliña Miranda desde Bos Aires, onde se atopa como parte da delegación da Coordinadora Estatal da Querela Arxentina contra o franquismo (CEAQUA), para participar en diversas actividades que permitan manter aberta a causa contra o franquismo, que instrúe a xuíza María Servini, desde o eido internacional.
Ana Miranda lembra que xa os descendentes de Franco pretenderon entrar en escena o último día da campaña coa segunda citación a Babío, prevista para o 19 de xuño, -tras a non celebración do acto de conciliación-, senón que agora presentan unha segunda denuncia contra el e un medio de comunicación como o grupo A3 Media e o programa Equipo de Investigación. “É intolerable”, subliña ao respecto.
Retirada da simboloxía franquista
“Desde o Parlamento Europeo seguirei afondando no compromiso do BNG na loita contra o fascismo”, salienta a eurodeputada nacionalista. Recorda que a Resolución contra o avance do fascismo en Europa, no seu considerando AA recolle que “o Congreso dos Deputados de España aprobou unha decisión para exhumar os restos de Francisco Franco e trasladalos fóra do Val dos Caídos, conxunto monumental conmemorativo da guerra e lugar de peregrinación da extrema dereita; que se debe proceder á retirada efectiva de todos dos demais símbolos ou monumentos que exalten o alzamento militar, a Guerra Civil e a ditadura de Franco”.
Asemade, no seu artigo 20, a Resolución insta aos Estados Membros a “loitar contra as organizacións que propaguen discursos de odio e violencia es espazos públicos e en liña e a prohibir efectivamente os grupos neofascistas e neonazis e calquera outra fundación ou asociación que exalte ou glorifique o nazismo ou o fascismo”.
Carlos Babío é coautor da obra “Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio”, na que documenta o espolio cometido por Franco no pazo de Meirás, sufrido entre outras persoas por unha das súas avoas, que foi expulsada da súa casa para incorporala aos terreos do pazo. Para explicar este proceso e a utilización do pazo como sede institucional por parte do ditador –xa que nel se celebraron varios consellos de ministros- Babío participou, no pasado mes de abril, nunha xornada sobre memoria histórica no Parlamento Europeo.