“Por riba das cuestións internas do Bloque está a cidadanía galega”
Santiago – E. Rodríguez/AGN | Cumprido xa o primeiro mes desde que tomou posesión do escano rotatorio no Parlamento Europeo, Miranda dá conta dun traballo intenso e “moi positivo”. Evita dictámenes sobre os difíciles momentos que atravesa o Bloque pero si pón deberes á Xunta: “Hai que moverse”. Europeísta experta, é a segunda eurodeputada do BNG tras Camilo Nogueira, de quen foi asistente. Enérxica e vitalista, exhorta á Xunta a que se poña as pilas para manter os fondos.
Este é o ano clave para a negociación sobre os fondos europeos do novo periodo 2014-2020 e as mensaxes que se transmiten son de satisfacción. É así?
Non está todo conseguido, porque xa son dous os Estados –Reino Unido e Portugal– que se opoñen aos territorios en transición e precísase unha maioría moi grande para que no reparto dos fondos de decembro de 2013 se chegue a un bo acordo e se admita esta nova categoría [na que entraría Galicia por ter un PIB entre o 75% e o 90% da media europea]. Hai que dar o debate no Parlamento Europeo, e a posición galega limítase a ir a Bruxelas para dar conferencias divulgativas… No caso de España non sei se lle interesa moito que haxa estas rexións, porque ao fin e ao cabo son catro as autonomías que entrarían, hai que ver como se define Rajoy. Agora é necesario un traballo de incidencia política moi forte e facer lobby, porque esos fondos correspóndennos por dereito. E que se movan as institucións, porque están paradas.
O BNG ve insuficientes os 3.000 millóns que pide a Xunta. Que cifra plantean?
Aínda estamos no estudo das cantidades. O 8 de marzo temos unha reunión con expertos en política rexional de toda Europa sobre rexións en transición, e imos intentar presionar non só o BNG senón o resto do grupo (ALE).
Cumprido máis dun mes da toma de posesión como eurodeputada (o 16 de xaneiro), que balance fai?
O traballo é a continuidade do que facía anteriormente, pero con moitísima máis intensidade e responsabilidade. O balance inicial é moi positivo, nalgúns plenarios xa intervín máis veces que outros deputados en todo o mandato.
Esta semana estivo en Galicia en reunións sectoriais. Que lle transmiten? Segue Bruxelas lonxe?
É certo que hai un gran descoñecemento do que pasa alí, mesmo instado polas propias administracións. A utilidade de estar alí non é só polos grandes debates Merkel-Sarkozy senón por temas moi concretos e tan importantes como que o marisqueo estea incluído ou non para recibir fondos, a directiva de residuos, os contratos homologados no leite… Nas reunións desta semana a xente está contenta de que nos dirixamos a eles; as necesidades reais só se coñecen indo ao terreo. Hai certo pesimismo xenérico pola crise pero queremos transmitirlles que poden dirixirse directamente á UE a través de nós, sen as peneiras administrativas vía Madrid doutros partidos.
Como ve o traballo dos outros eurodeputados galegos?
Cada un sabe os intereses que defende. Non me vou meter porque é lícito que cada un faga o que considere oportuno, pero nós empezamos desde o primeiro día falando de temas galegos, concretos. Sen meterme no que eles realizan, hai diferenza se defendes uns intereses máis españois no sentido global, de partido, ou máis galegos. Nun caso como o do naval e o ‘tax lease’ é indignante a hipocresía política do PP, que di unha cousa no Parlamento galego e no Congreso vota outra.
Como está a cuestión lingüística? Nunha intervención súa na que falou en catalán, galego e éuscaro, a cabina de interpretación castelá non traduxo e si o fixeron outras como a inglesa ou francesa…
Imos presentar unha queixa formal. Era unha intervención simbólica, un chiscar o ollo ás outras formacións que compoñen a coalición, e non foi un problema de profesionalidade da cabina senón da propia Cámara, na que hai unha directriz de que non se traduce o galego. Hai unha cuestión política, na que incide o señor Vidal-Quadras (PP), aínda que temos un compromiso do presidente actual do Parlamento Europeo, Martin Schulz, de tratar o tema.
Como se ven desde Bruxelas as convulsións internas do BNG?
Hai unha situación complicada para o nacionalismo galego nestes momentos, creo que todo o mundo está preocupado. Pero as persoas que estamos nunha representación institucional estamos continuando o mandato que levamos. Por riba das cuestións internas do BNG está a cidadanía galega, e os problemas son tan acuciantes que hai dinámicas que non se poden parar.
Cre que hai sitio para outro partido nacionalista en Galicia?
Sería unha falla de respecto pola miña parte facer unha valoración, creo que lle corresponde a outros. O tempo vai dicir como están as cousas. Oxalá foran tempos mellores, pero o que está pasando no Bloque non é alleo a outras organizacións, pasou en IU e no PSOE. O debate non é malo, a ver que pasa e esperemos que sexa bo.
Non ten pensando deixalo?
Non, fun elixida polo BNG e débome principalmente ao pobo galego. É o compromiso co país, que vai máis alá dunhas siglas.