Santiago de Compostela/BNG | A candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, comprometeuse a ser a presidenta que protexa a saúde das persoas e libre de recortes a sanidade pública galega logo de 15 anos de “recortes e privatizacións” dun Goberno do PP que deixa a sanidade do País nunha situación de “deterioro brutal”.
Na manifestación en defensa da sanidade pública en Santiago, Pontón fixo un chamamento a todas as persoas que participaron da mobilización e a todas aquelas que dende as súas casas “queren máis sanidade pública” a que se mobilicen o próximo 18 de febreiro e apoien ao Bloque porque, segundo recalcou, “co apoio ao BNG podemos derrotar nas urnas os recortes e privatizacións do PP”.
“Hoxe estamos aquí nesta mobilización, pero a definitiva é o próximo 18 de febreiro”, apelou para subliñar que “se queremos defender a sanidade pública, a papeleta que garante que imos recuperala é a do BNG, porque imos ter unha presidenta comprometida coa saúde dos galegos e das galegas”. Neste sentido, mostrou o seu convencemento de que o 18F “podemos derrotar nas urnas o recortes e privatizacións do PP” e abrir unha nova etapa da man do BNG, que “vai dalo todo para poñer en pé a sanidade pública”.
A líder nacionalista incidiu en que Galiza necesita un cambio de rumbo tamén en materia sanitaria logo de 15 anos de goberno dun PP convertido nun “terminator” da sanidade pública, 15 anos nos que, segundo advertiu, “non só houbo mala xestión”, senón tamén moita ideoloxía ao drenar recursos públicos en favor da sanidade privada. “O PP quere deteriorar o público para beneficiar o privado”, afondou para indicar a continuación que o fai mesmo “a costa da saúde dos galegos e das galegas”.
Nesta liña, advertiu que a situación da sanidade pública do País atópase hoxe en día “nunha situación inédita e cun deterioro brutal”, con listas de espera para acudir ao médico ou á médica de cabeceira, 11.000 nenos e nenas sen pediatra, PACs sen médicos ou médicas e co “14% da cidadanía esperando por unha ciruxía, por unha proba diagnóstica ou por unha consulta co especialista”.
Fronte ás políticas privatizadoras e de recortes dun PP que “nestes 15 anos non coidou a saúde da xente”, Pontón comprometeuse a poñer en marcha un plan de rescate da Atención Primaria dotado con 200 millóns de euros para incrementar persoal e especialidades como a de psicoloxía clínica, dado que o 30% das consultas nos centros de saúde é por un problema de saúde mental “e temos que atendelo”.
De igual xeito, avanzou que un Goberno liderado polo BNG garantirá tamén que “non haxa nenos e nenas de primeira e de segunda e que o conxunto da poboación infantil teña dereito á pediatría”. Estas son algunhas das medidas coas que, segundo recalcou, “imos levantar a sanidade pública deste País e que o PP leva demolendo durante 15 anos”, consciente de que non se pode solucionar todo dun día para outro, pero tamén dende o compromiso claro de que “imos traballar sen descanso para conseguilo”.
“Ao PP só lle gustan as manifestacións que convoca o PP”
Preguntada polas críticas do candidato Alfonso Rueda á mobilización, Pontón afirmou que “ao Partido Popular só lle gustan as manifestacións que convoca o Partido Popular”, logo de recordar que no último mes e medio quen máis manifestacións convocou foi o PP, ao que “o que lle molesta é que se vexa na rúa o malestar que están creando as súas políticas de recortes e privatizacións”.
A candidata nacionalista incidiu en que o 18 de febreiro “temos a oportunidade de derrotar esas políticas en contra da saúde dos galegos e das galegas” concentrando o voto no BNG e apostando por unha presidenta que vai “dalo todo” para levantar o sistema de saúde que o PP leva demolendo nos últimos 15 anos.
“Rueda aínda está a tempo de rectificar e acudir aos debates electorais”
Por outra parte, e tamén a preguntas dos medios, Pontón confirmou de novo a súa participación en todos os debates electorais e insistiu en que calquera político ou política que se presente a unhas eleccións “debe acudir a todos os debates”, en alusión á actitude de Rueda que, de momento, só confirmou a súa asistencia ao que vai desenvolver mañá luns a TVG.
“Mañá imos ver que un debate é pouco para abordar os temas que preocupan a este País”, subliñou para pedirlle a Rueda que non “se esconda” no debate que tamén organiza TVE e, en todo caso, que o PP non deixe a súa “cadeira baleira” porque sería unha “falta de respecto” á cidadanía que quere contraste de ideas e debate.
“Sabemos que o señor Rueda só quere ir a un, moi limitado en canto ao tempo, pero en todo caso está a tempo de rectificar”, apelou logo de pedirlle de novo ao candidato do PP que acepte un “cara a cara” coa líder da oposición, xa que isto “forma parte da normalidade democrática”. “Produciuse nas eleccións xerais e non sei porque o señor Rueda non quere un cara a cara comigo”, concluíu.