Mondariz/BNG | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou aos galegos e as galegas a votar o 23X coa “cabeza e o corazón en Galiza” para facerse respectar en Madrid da man dun grupo forte do Bloque no Congreso. “O voto e o amor por este País é unha combinación infalible e imbatible para reclamar xustiza e dignidade para a xente de Galiza”, proclamou durante o mitin que ofreceu en Mondariz xunto á candidata pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva.
Pontón pediu o voto de todos os galegos “fartos de tanta discriminación e ninguneo” e insistiu en que “non é momento de votar polo mal menor, nin de votar por medo”, senón de acudir ás urnas con “ilusión e esperanza” para que Galicia teña máis peso político no Congreso e deixe de ser “ignorada”, para “defender os seus intereses e non seguir soportando a discriminación do centralismo”.
“Este é o momento de Galiza, por moito que as forzas estatais pensen que todo empeza e acaba no quilómetro cero de Madrid; por moito que Sánchez e Feijóo queiran reducir a campaña a unha xira televisiva para facer terapia bipartidista”, asegurou.
O Bloque sairá a por todas nestas eleccións, proseguiu a líder do Bloque, para conseguir mudar o NON polo SI a Galiza cun grupo forte integrado por deputados e deputadas das catro provincias. “Somos a única forza coas mans libres para defender as causas galegas, desde un tren do século XXI a unha tarifa eléctrica, desde o corredor atlántico a políticas que creen industria, desde investimentos xustos á creación de máis xulgados de violencia de xénero”, sostivo.
A portavoz nacional alertou do intento de “revivir o bipartidismo para que nada cambie” por parte das “mesmas forzas estatais que nos impoñen un espolio eólico por terra e agora tamén por mar, dándolle un golpe mortal ao noso sector pesqueiro só para que as eléctricas se forren”. “Que se vaian preparando no Congreso! Galiza non vai ser outra vez colonia enerxética de Madrid!”, declarou.
Pontón acusou ao PP de deixar unha Galiza “cada vez máis pequena” e insistiu en que só un grupo galego forte do BNG “plantará cara” no Congreso para construír “esa Galiza en grande que queremos” .
Prometeu ademais que os deputados do Bloque traballarán como “muro de contención contra a involución democrática, contra as hordas de Atila que dicía Castelao”, apuntou, e co firme propósito de non permitir “nin un paso atrás” na defensa dos dereitos e liberdades. “Nin un paso atrás nos dereitos das mulleres libres e iguais; nin un paso atrás nunha sociedade inclusiva e diversa”, afirmou.
Contra a estafa da AP9
A cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, defendeu en Mondariz Balneario a importancia da transferencia a Galiza das infraestruturas viarias, en particular para comarcas como Condado-Paradanta, un dos territorios máis afectados pola “estafa da AP-9”, onde os cidadáns sofren tamén o mal estado da A-52 e da A-55, ou os “claros problemas de seguridade viaria” na N-120.
Da Silva comprometeuse a defender en Madrid un maior investimento na comarca e destacou, neste sentido, a necesidade de realizar un enlace en dobre sentido na A-52 en Lentille, de mellorar o asfalto e instalar pantallas acústicas na A52 ao paso polos núcleos de poboación, ou de reforzar a seguridade vial da N-120 en Ponteareas. No referido ás infraestruturas, apostou tamén por un proxecto para a comunicación ferroviaria da comarca.
A candidata do BNG salientou que “só o BNG é garante de facer valer os intereses e a axenda desta comarca. Non podemos agardar nada das forzas centralistas que se alternan na discriminación”, dixo, advertindo de que “é o momento de actuar para non volver ver con envexa como vascos e cataláns cobren as súas necesidade cos seus grupos no Congreso”. “Galiza precisa tamén un grupo galego forte da man do Bloque”, reiterou.