O Rosal/BNG | A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, proseguiu a súa xira de precampaña cun acto aberto no Rosal, onde aproveitou a súa intervención para destacar algunhas das medidas para este concello e o conxunto da comarca que ten previsto desenvolver o Goberno que aspira a presidir.
Pontón avanzou que un Executivo do BNG vai facer investimentos alí onde o goberno do PP fixo recortes, “empezando por reforzar os servizos públicos”.
Neste sentido, comprometeu como unha das súas primeiras medidas como presidenta un plan de choque de 200 M€ para rescatar a atención primaria, “para que os centros de saúde teñan suficiente persoal, tamén no Rosal, que sei que hai falta de médicos e médicas porque hai prazas sen dotar e porque non se cobren nin as baixas nin as vacacións”, subliñou.
De igual xeito, apostou por reforzar os servizos sanitarios na comarca cunha ambulancia medicalizada xa que, segundo advertiu, “cando se está a case unha hora do hospital de referencia, actuar con rapidez pode marcar a diferencia”.
Pontón quere colocar as persoas no centro das políticas do goberno que aspira a presidir, o que, segundo dixo, tamén significa darlle ás persoas maiores unha vellez tranquila nas súas casas, “porque todos e todas aspiramos a pasar esa etapa das nosas vidas no propio fogar”. Neste sentido, avanzou que se acada a confianza dos galegos e as galegas o 18F duplicará o Servizo de Axuda no Fogar, para acabar coas listas de espera no SAF, tanto no Rosal como no conxunto do País. “Imos garantir que todas as persoas con dependencia teñan servizo de axuda no fogar”, subliñou.
Para cando no resulte posible pasar a vellez na propia casa, defendeu a necesidade de articular unha rede de residencias públicas de calidade, “un servizo do que carece O Rosal e que hai que poñer en marcha, para este concello e para o conxunto da comarca”, apuntou.
A líder nacionalista recordou que a calidade de vida está ligada tamén ao desenvolvemento económico e industrial, porque implica xerar riqueza e emprego, polo que tamén avogou por asentar poboación facendo que O Rosal e a comarca medren e vaian a máis. Nesta liña, avanzou que un goberno do BNG traballará para aproveitar todo o potencial do Baixo Miño, sacando partido da conexión con Portugal.
Durante a súa intervención, incidiu en que Galiza precisa un goberno e unha presidenta que aporte solucións para deixar atrás os quince anos de nefasto legado que deixa o PP. Neste sentido, apelou a unha mobilización masiva que permita poñer en marcha o mellor goberno de todos os tempos concentrando o voto de cambio no BNG e incidiu en que cada vez máis xente está xirando a mirada cara ao Bloque, farta das vellas receitas fracasadas dos de sempre. “Se queremos resultados diferentes, temos que apostar por algo diferente”, animou.
Pontón preséntase como a candidata desa maioría social que quere cambio e un futuro mellor á que se dirixiu para dicirlle que non importa que papeleta colleron noutras eleccións, “son a candidata de todas as persoas que queren cambio e que saben que a maneira de conseguilo é apostando polo BNG”, engadiu.
A toda esa cidadanía comprometeu un goberno que recupere a sanidade pública para que a saúde non dependa da tarxeta bancaria; que coloque a enerxía ao servizo das familias e das empresas; que poña en marcha todo o potencial do País para que a xente moza non teña que facer as maletas.
Un goberno, recalcou, capaz de pensar Galiza en grande e sen límites centralistas xa que, segundo concluíu, “a min só me van dar ordes os galegos e as galegas porque sei moi ben quen son, para que estou aquí e a quen me debo”.
Un goberno do BNG, aliado do Baixo Miño
Pola súa banda, o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, aproveitou a súa intervención para lembrar que estamos ante tempos de cambio en Galiza ao igual que aconteceu no Rosal en 2019 coa chegada de Ánxela Fernández á Alcaldía. “Pálpase esa ilusión, ese sentimento latente na xente que, se toda vai votar o vindeiro 18F, dará lugar a un momento extraordinario e histórico, ao cambio na Xunta de Galiza con Ana Pontón á fronte”, dixo.
Bará avanzou que o BNG será un aliado co Baixo Miño fronte ao esquecemento do PP nos últimos anos, dado que todos os proxectos importantes para a comarca e os servizos están abandonados. Neste sentido, subliñou que un goberno do Bloque traballará para poñer en marcha un servizo de tren de proximidade e tamén impulsará a Vía de Alta Capacidade Tui-A Guarda, que agarda dende hai 20 anos pola súa finalización, tendo aínda treitos a monte, sen proxecto e sen adxudicación. “O BNG conectará o Baixo Miño co resto de Galiza fronte á discriminación do PP”, salientou.
Por último, a candidata pola comarca, Carmen Núñez, médica de profesión, fixo fincapé na “inoperancia, desidia e inacción” do PP ante a falta de medios e profesionais na sanidade no Baixo Miño.
Lembrou casos mediáticos como o da enfermeira con 400 contratos en nove anos no SERGAS ou as imaxes do Rosal con Policía Local e Protección Civil levando a un enfermo ata o helicóptero medicalizado porque non había doutora nin ambulancias que o puidesen atender na zona.
Fronte a este desleixo, Núñez recalcou a aposta do BNG para rescatar a Atención Primaria anunciado por Pontón. “O BNG amosa a sensibilidade para entender a importancia da asistencia sanitaria no primeiro nivel e ofrece tamén compromiso económico. A solución pasa non só polas boas palabras, senón tamén por investir economicamente”, concluíu.