A Coruña/BNG | A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, foi reelixida case por unanimidade (99,32% dos votos) no seu cargo durante a XVII Asemblea Nacional do BNG celebrada na cidade da Coruña este 7 de novembro. Manterá este cargo ata a celebración das vinderias eleccións autonómicas en 2024.
Esta asemblea, que contou con 3.000 militantes e tamén coa presenza de 27 organizacións políticas de Cataluña, Euskadi, Portugal, Gales, Escocia, Quebec, Brasil, Bolivia, Cuba e da Fronte Polisario do Sáhara Occidental, definiu igualmente unha folla de ruta “soberanista mais non independentista” e “fuxindo de ideoloxismos” para “alcanzar a maioría social”. Ponton abriu a Asemblea pedindo un aplauso de recoñecemento para unha organización que logrou converterse na alternativa real ao PP, tras superar unha situación complexa até ser a segunda forza do País, despois de actualizar discurso e saber ler con acerto o momento político e social.
“Permitídeme que empece pedindo un aplauso para esta organización e para esta militancia que da o mellor de si en cada lugar, que demostrou que, desde a confianza en nós e desde a confianza no País, todo é posible”, salientou, para dar paso a unha “intensa xornada de debate”, de posta en común colectiva para fixar a folla de ruta cara o gran obxectivo: liderar o Goberno de Galiza en 2024 e facer historia.
“Facer historia abrindo un tempo novo de futuro e de esperanza para os galegos e as galegas cunha Presidencia nacionalista”, proclamou Pontón ante o plenario convocado no Coliseo da Coruña.
A portavoz nacionalista botou a vista atrás para comparar a asemblea de 2016, cando asumiu o liderado do Bloque en pleno ano electoral, até o cumio de hoxe, na que se pasou do “escepticismo” cara o BNG a obter o mellor resultado da súa historia, mérito que atribuíu ao esforzo colectivo da militancia.
“Vós, a militancia, sodes a gran protagonista dese logro, porque as persoas son importantes, pero a forza do colectivo é a que realmente nos fai chegar lonxe. A fortaleza do BNG non está en ningunha persoa ou grupos de persoas, está na xenerosidade, na lealdade, na unidade de criterio e de acción do colectiva. E ten moito máis mérito manter esa unidade en situacións difíciles e cambiantes, onde tivemos que afinar ben a táctica e a mensaxe. E fixémolo todos a unha”, recalcou.
Hoxe, cun BNG “máis forte, unido e cohesionado que nunca”, Pontón explicou os fitos que quedan por diante no camiño do gran reto de liderar o Goberno de Galiza en 2024.
En primeiro lugar, seguir fortalecendo a organización e ensanchar a base social, “porque sen esa fortaleza todos os avances terían os pés de barro”; segundo, avanzar nas eleccións municipais “enfrontándoas con decisión e coa convicción de que é posíbel chegar a esa maioría social”; en terceiro lugar, aumentar a representación nas Cortes do Estado e no Parlamento Europeo como garantía de defensa dos intereses do País. Todo de cara ao gran reto colectivo dos próximos tres anos de presidir Galiza en 2024.