Gondomar | O Instituto de Estudos Miñoráns ofrecerá o vindeiro mércores 13 de decembro ás 20:00H o faladoiro ¨A astronomía de hoxe que as astrónomas galegas fan”, por Ana Ulla Miguel, astrofísica, dentro do ciclo «Presenza das mulleres»
Será presentada por María Lemos Cerqueira, mestra e secretaria do IEM. O acto terá lugar na sede do IEM, na Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avda da Feira 10 baixo, Gondomar.
Biografía de Ana Ulla Miguel: Doutora en Ciencias Físicas pola Universidade da Lagoa coa especialidade de Astrofísica. Profesora Titular de Universidade do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, desde xaneiro de 2001, desempeñando con anterioridade diversos postos de investigación e docencia en centros nacionais e estranxeiros. É, desde a súa creación no ano 2005, a investigadora principal do Grupo AS1 de Astronomía e Astrofísica da UVIGO. Membro da Unión Astronómica Internacional (IAU), da Sociedade Española de Astronomía (SEXA), da Real Sociedade Española de Física (RSEF) e da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT). É ademais integrante do padroado da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura (FC3), que xestiona o Observatorio Astronómico de Forcarei (OAF).
Bibliografía: Ao longo da súa traxectoria profesional publicou numerosos traballos de investigación especializados e editou ou coeditou varios libros científicos ou de divulgación. En particular, en 2009 foi coautora da obra colectiva «Contos e coplas de estrelas» (editada pola UVIGO e o Consello Superior de Investigacións Científicas español), á que contribuíu adaptando un conto popular e varias cancións. Así mesmo en 2010 foi coautora do libro «A ciencia do ceo» (tamén traducido ao portugués), editado por © ENOR. En 2014 editou o libro de contos «Os contos da Astronomía na palleira», ao que contribuíu co conto titulado A galaxia María. “Desde o xardín, as estrelas” é a súa primeira novela.
Premios: En febreiro de 2014 recibiu, ex aequo coa Dra. Minia Manteiga Outeiro (da Universidade da Coruña), o premio «Galega destacada 2013» concedido pola Asociación Diálogos 90.