Tui/PPdeG | O Partido Popular de Tui anunciou que Anabel Solla pasará a formar parte do equipo de traballo que Nico Montes está a conformar de cara ás eleccións municipais do 28 de maio. Anabel ocupa os cargos de Presidenta da Asociación de Mulleres en Igualdade de Tui (AMEI), da que tamén é socia fundadora, Secretaria da Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra e é a vocal da Vicesecretaría de Igualdade do PPdeG.
“A maioría de tudenses cremos que Tui merece un Goberno que escoite aos cidadáns. Nunca me dou medo asumir novos retos e aínda menos se iso serve para mellorar a vida dos veciños e veciñas da miña cidade”, expresaba Anabel Solla.
Técnica Superior en Administración e Finanzas, actualmente é a responsable de administración dunha PyME adicada á importación e exportación do sector da pesca. Ademais, leva máis de vinte anos formando parte do tecido asociativo de Tui.
“Coa integración de Anabel no noso proxecto gañamos en experiencia de xestión. É unha muller valente que leva moitos anos ocupando cargos de responsabilidade, onde sempre demostrou o seu compromiso e gran traballo. Coa súa incorporación continuamos formando o mellor equipo para presentar o mellor proxecto”, declarou o candidato ás eleccións de Tui, Nico Montes.